- Baixo a coordinación de Luís Caramés Viéitez, Académico numerario da RAGC, terán lugar os días 22 e 23 de xuño.
- Nas mesmas abordaranse, a cargo de expertos vinculados ao sector, temáticas tales como a relevancia económica da moda, os desafíos organizativos da empresa téxtil, a moda ética, o retail do futuro e a moda de autor para o século XXI, entre outras.
- As xornadas diríxense a profesionais do sector, estudantes, administración e público en xeral, e a asistencia é gratuita.
Cerceda, a 12 de xuño de 2020.- Habida conta do peso que a industria da moda ten en Galicia, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) promove, baixo o título “Xornadas sobre Moda e Economía Sostible”, un ciclo de conferencias online, que terán lugar os días 22 e 23 de xuño, nas que se darán cita expertos do sector a fin de abordar distintas cuestións de relevancia vinculadas á moda sostible.
Resulta evidente que moda evolucionou de forma significativa ao longo do tempo, cunha clara contribución ao desenvolvemento. As súas dúas dimensións, estética e económica, enfróntanse actualmente a un claro desafío como é a sostibilidade, na que o crecemento económico, a conciencia social e a protección ambiental deben estar en perfecto equilibrio.
Baixo a coordinación de Luís Caramés Viéitez, Académico numerario da RAGC, o primeiro día (22 de xuño) abordaranse diversas temáticas tales como a relevancia económica da moda, os desafíos organizativos da empresa téxtil e a moda ética e sostible (redución de pegada ecolóxica). Para isto contarase coas achegas de Miguel Vázquez Taín, presidente do Consello Galego de Economistas; Alberto Rocha Guisande, do Clúster Moda Galicia (Cointega); e Marina López Domínguez, presidenta de Moda Sostible de España (AMSE).
A videoconferencia do 23 de xuño xirará en torno á moda circular (pensando nas futuras xeracións), os desafíos do “retail”, o “retail” do futuro (puntos de venda vs online) e a moda de autor para o século XXI. As distintas cuestións serán desgranadas por Gema Gómez, Directora de Slow Fashion Next; Maite Aranzábal Harreguy, do IES Business School; Ángeles Menéndez Durán, diplomada en deseño (IADE); e Tiziana Domínguez González, directora creativa de Adolfo Domínguez, S.A.
As xornadas diríxense a profesionais do sector, estudantes, administración e público en xeral. A asistencia é gratuita e de libre acceso a través da plataforma zoom, con inscrición previa.
Fonte e imaxe: RAGC