- Coordinado polo Dr Juan M Lema Rodicio, presidente desta institución, celebrarase os días 27 e 28 de xuño en Santiago (Pazo de San Roque), o 29 en Ferrol (salón de actos do Campus) e o 30 na Coruña (salón de actos da Autoridade Portuaria)
- As estratexias enerxéticas, así como a enerxía solar fotovoltaica, a enerxía da biomasa e o almacenamento enerxético, constitúen as temáticas sobre as que Xirarán as intervencións das dúas primeiras xornadas
- A terceira centrarase na enerxía eólica e as enerxías do mar, e a cuarta e última, no hidróxeno verde e o biometano
Cerceda, a 27 de xuño de 2022.- No marco do Ciclo de Avances en Ciencia e Tecnoloxía, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), que preside o Dr. Juan M. Lema Rodicio, promove un curso sobre enerxía limpa, que coordina él mesmo, e que abordará os retos tecnolóxicos para a súa produción e almacenamento.
SANTIAGO DE COMPOSTELA
Os días 27 e 28 de xuño, este curso desenvolverase en Santiago de Compostela, concretamente no Pazo de San Roque, cun cartel de relatores de alto nivel cuxas intervencións xirarán ao redor das estratexias enerxéticas. Así, esta mesma tarde contarase con Miriam Bo, subdirectora xeral de Prospectiva, Estratexia e Normativa en Materia de Enerxía, dependente da Secretaría de Estado de Enerxía, quen detallará os principais aspectos da Estratexia Española de Enerxías Renovables, así como con Paula Uría, secretaria Xeral de Industria da Xunta de Galicia, que abordará os pormenores da senda enerxética na nosa comunidade.
As exposicións de hoxe culminarán coa do director do Departamento de Enerxía do INEGA, Juan l. Rodríguez, que dará a coñecer o estado actual das enerxías renovables en Galicia.
O bloque troncal do martes 28 virá definido pola enerxía solar fotovoltaica, a enerxía da biomasa e o almacenamento enerxético. Para abundar nesta temática, participarán Antonio García Loureiro, catedrático do Departamento de Electrónica e Computación da USC, encargado de debullar os retos tecnolóxicos na produción de enerxía solar fotovoltaica; Mauro Coucheiro, director de Operacións de Greenalia Fores, quen fará o propio no caso da enerxía da biomasa; e Juan Andrés Marín, enxeñeiro de Minas e responsable do Departamento de I+D+i da Cidade da Enerxía (CIUDEN), que explicará as alternativas existentes para o almacenamento da enerxía.
FERROL
O día 29, o curso desprazarase a Ferrol, concretamente ao salón de actos do Campus da UDC, e farao para profundar na enerxía eólica e as enerxías do mar.
As sesións estarán protagonizadas por Camilo Carrillo, profesor titular de Enxeñería Eléctrica da Universidade de Vigo, quen detallará a evolución tecnolóxica de aeroxeradores e a súa integración na rede eléctrica; Manuel Fernández e Pablo Alberte, director de proxectos e director de enxeñería de Ocean Winds respectivamente, os cales farán unha introdución á enerxía eólica mariña flotante e o seu marco normativo en España.
A xornada do mércores concluirá coas intervencións de Alejandro Romero Filgueira, xestor de Proxectos da Plataforma Oceánica de Canarias, para falar das enerxías do mar, e Ángel Fernández, responsable comercial de Navantia Enerxías Verdes, encargado de explicar o proxecto industrial “Saint-Brieuc”.
A CORUÑA
O 30 de xuño dedicarase ao hidróxeno verde e biometano. O encontro terá lugar no salón de actos da Autoridade Portuaria da Coruña. Emilio Nieto, director do Centro Español do Hidróxeno, analizará os retos tecnolóxicos na produción desta fonte enerxética, e Marta Carballa, profesora titular de Enxeñería Química da USC, fará o propio no caso do biometano.
Seguiralle Ángela Rodríguez Abalde, responsable da área de Bionerxía de EnergyLab (Vigo), quen disertará sobre a xeración e usos dos gases renovables de orixe biolóxica, e Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, encargado de dar a coñecer o proxecto industrial “A Coruña, Green Port”.
En todos os casos, as xornadas culminarán cunha sesión de debate.
https://us06web.zoom.us/webinar/register/WN_963ovrHRTA-fHRiy0UnFAw
Fonte e imaxe: RAGC
Saúdos, Departamento de Comunicación