- O obxectivo é que os visitantes dispoñan dunha visión máis detallada do proceso industrial desenvolvido no Complexo de Cerceda e que aqueles colectivos que non poidan facer un percorrido guiado a pé, teñan a oportunidade de viaxar ao seu interior a través de lentes inmersivas de realidade virtual
- Grafismos e printers guían o percorrido virtual dos visitantes, apoiado por unha locución en off con música de fondo, tentando que a experiencia, ademais de resultar interesante e enriquecedora, sexa tamén agradable e única
Cerceda, a 13 de xuño de 2023.- Aproveitando o potencial didáctico e educativo que brindan as novas tecnoloxías, Sogama quixo facer uso das mesmas para que as persoas que participan no seu programa de visitas poidan dispoñer dunha visión máis detallada do proceso industrial desenvolvido no Complexo Medioambiental de Cerceda.
Ademais, desta forma propicia que aqueles colectivos que, por razóns de idade ou limitacións de mobilidade, non poidan facer un percorrido guiado a pé polas distintas instalacións que conforman esta infraestrutura, teñan a oportunidade de viaxar virtualmente ao seu interior para descubrir todos os elementos, máquinas e recursos que fan posible o correcto tratamento dos residuos producidos cada día (entre 2 e 3 millóns de quilos) polos 295 concellos adscritos a Sogama.
ACOMPAÑANDO AOS RESIDUOS
A través de lentes inmersivas de realidade virtual, os visitantes siguen moi de preto o camiño polo que discorren os residuos para recibir a xestión acorde coas súas características.
A primeira parada ten lugar na planta de clasificación de envases lixeiros, onde chegan os envases de plástico, as latas e os briks recollidos a través dos contedores amarelos, e onde son separados mecanicamente por tipoloxías (lectores ópticos, electroimáns, ciclóns aspiradores e correntes de Foucault) e embalados para a súa posterior remisión aos centros recicladores, converténdose en novas materias primas.
Acto seguido adéntranse na planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, onde comeza o itinerario da bolsa negra ou, o que é o mesmo, a fracción resto recollida a través do contedor convencional. Nesta instalación, os residuos son separados por tamaños -grosos e finos-, procedendo ao secado destes últimos en dous cilindros rotatorios de grandes dimensións, aproveitando para isto a enerxía procedente da planta de coxeración.
A parte grosa sométese a unha nova clasificación na planta de recuperación de materiais, que opera en liña coa industria 4.0. Utilizando tecnoloxías de última xeración, aquí conséguese clasificar aqueles materiais que, dadas as súas características, poden ser reciclados e que terían que depositarse en orixe nos contedores de recollida selectiva. Sogama consegue separar o vidro, o papel e cartón, os plásticos de distinta composición, os briks, as latas (tanto de aceiro como de aluminio) para o seu envío á industria transformadora.
Coa parte fina xa seca e os rexeitamentos da grosa, acondiciónase un combustible CDR que alimenta unha planta termoeléctrica para a súa transformación en electricidade. De feito, a enerxía producida en Sogama equivale ao consumo do 12% dos fogares galegos.
Grafismos e printers guían o percorrido virtual dos visitantes, apoiado por unha locución en off con música de fondo, tentando que a experiencia, ademais de resultar interesante e enriquecedora, sexa tamén agradable e única.
Saúdos, Departamento de Comunicación