- De forma xenérica, o prezo por tonelada de residuos urbanos xestionada e tratada reducirase nun 5%, baixando desde os 69,48 €/ t actuais ata os 66,00 €/ t.
- A empresa pública manterá a bonificación do 10% a aqueles entes locais que cumpran cos requisitos establecidos, situándose o canon neste caso en 59,40 €/ t
- Adicionalmente, tampouco aplicará o IPC, estimado nun 5%.
- Desta forma pretende compensar o negativo impacto económico que suporá para os petos das familias galegas os impostos contemplados no Anteproxecto da Lei nacional de Residuos ao vertedoiro e a valorización enerxética.
- O canon de Sogama, que xa se posicionaba ata o de agora como o máis barato de Galicia, pasará tamén a ser o máis barato de España, e isto malia os investimentos acometidos por esta empresa pública durante o período 2017-2022, que ascenden a máis de 90 M€.
Cerceda, a 28 de novembro de 2021.- Sogama reducirá o canon aos 295 concellos adscritos ao seu sistema de xestión e farao, de forma xenérica, nun 5% sobre o prezo de 2021, que baixará desde os 69,48 €/ t ata os 66,00 €/ t.
Igualmente, manterá a bonificación do 10%, que xa leva aplicando durante os tres últimos exercicios, a aqueles entes locais que cumpran cos dous requisitos establecidos, isto é, promover a redución da xeración de residuos e/ou a reciclaxe dos envases lixeiros (bolsa amarela), e trasladar esta rebaixa aos recibos dos cidadáns. Neste caso, o canon situarase en 59,40 euros/tonelada. Adicionalmente, tampouco aplicará o IPC, estimado nun 5%.
Todo isto suporá unha rebaixa que poderá chegar ao 20%, representando un aforro para os galegos de 9 millóns de euros.
A Xunta, a través desta empresa pública, pretende compensar o negativo impacto económico que suporá para os petos das familias galegas os impostos contemplados no Anteproxecto da Lei nacional de Residuos e que gravan o depósito de refugallos en vertedoiro e a incineración.
Tras unha forte oposición por parte do sector, todo apunta a que, finalmente, a penalización ao vertido ascenderá a 30 €/ t e, á valorización enerxética, a 10 €/t, que rexerá para aquelas plantas, como é o caso de Sogama, certificadas coa denominada “R1”, fórmula técnica que acredita o cumprimento duns determinados estándares de eficiencia.
A boa evolución da compañía durante os últimos anos, tanto en termos industriais como ambientais, económicos e sociais, permítenlle facer un esforzo que ten por obxectivo amortecer o impacto económico que estes impostos estatais terán sobre a economía dos galegos.
É dicir, mentres o Goberno central crea novos impostos para a xestión e tratamento de residuos con fins recadatorios, a Xunta de Galicia, a través dos instrumentos ao seu alcance, baixaos.
90 MILLÓNS DE EUROS EN INVESTIMENTOS
O canon de Sogama, que xa se posicionaba ata o de agora como o máis barato de Galicia, pasará tamén a ser o máis barato de España. E isto malia que a empresa ten baixo a súa xestión unha potente infraestrutura industrial conformada por 37 plantas de transferencia, un complexo medioambiental sito en Cerceda, e con capacidade para 1.000.000 de toneladas anuais, e un vertedoiro de cola destinado a acoller aquela parte do lixo que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente.
Así mesmo, porá en marcha unha rede de instalacións que terá por obxecto a valorización da materia orgánica. Esta rede estará conformada por 4 plantas de biorresiduos (Cerceda –xa en funcionamento-, Cervo, Vilanova de Arousa e Verín), apoiadas por 13 plantas de transferencia que serán transformadas ou adaptadas para transvasar nas mesmas a materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón, converténdoa en compost, un abono natural de alta calidade que se destinará á agricultura e xardinería.
Con esta iniciativa, a Xunta pretende axudar aos concellos a dar debido cumprimento ás súas obrigas legais, xa que deben ter implantada a recollida selectiva da fracción orgánica antes do 31 de decembro de 2023. Se todo sigue o seu curso, a infraestrutura vinculada ao tratamento da materia orgánica entrará en funcionamento a finais de 2022.
A este plan de acción destinaranse da orde de 38 millóns de euros, dos cales 30 estarán financiados a través dos Fondos FEDER como resposta da Unión Europea á crise do Covid-19.
Os investimentos realizados por Sogama no período 2017-2022, e que ascenden a máis de 90 millóns de euros, teñen por obxecto optimizar o servizo que presta a máis de 2.240.000 habitantes a través de instalacións punteiras que incorporan as últimas tecnoloxías dispoñibles; a promoción do ferrocarril como medio preferente para o transporte de residuos; e a incorporación de todas aquelas medidas que lle permitan compatibilizar en cada momento a actividade industrial coa protección do medio ambiente e a saúde pública.
Prestar o mellor servizo ao menor prezo constitúe a máxima que guía esta nova etapa, especialmente nun momento delicado no que moitas familias e establecementos deben soportar os negativos efectos da pandemia sobre as súas economías.
Saúdos, Departamento de Comunicación