- Así reza o lema da campaña online que Sogama vén desenvolvendo a través de distintos recursos divulgativos co fin apelar ao espírito de colaboración e á solidariedade ambiental para aforrar recursos e mellorar a nosa calidade de vida.
- Planificar o consumo, cambiar a forma de comprar, descartar os artigos excesivamente embalados, aplicar o principio de prevención e separar os residuos en orixe constitúen algunhas das claves.
- Tamén ponse énfase na axuda que pode supoñer a innovación. Proba disto é a planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa coa que conta Sogama e que, a través da adopción das tecnoloxías da industria 4.0, consegue separar os materiais susceptibles de ser reciclados.
Cerceda, a 15 de maio de 2020.- O vindeiro domingo, 17 de maio, conmemórase o Día Internacional da Reciclaxe, unha data clave no calendario verde a través da cal recórdase a imperiosa necesidade de que a separación de residuos en orixe, e o seu posterior depósito no contedor correspondente, constitúa un xesto habitual nas nosas vidas. Con isto contribuiremos a unha mellor xestión dos residuos urbanos e intensificaremos esa ardua loita que debemos librar contra o cambio climático.
Neste marco, Sogama está a levar a cabo unha campaña online que, baixo o lema “Recicla a túa forma de vida”, e a través de distintos recursos divulgativos, apela á cooperación cidadá para que a separación de refugallos se incorpore de facto ás rutinas diarias.
A crise global orixinada polo COVID-19, con graves consecuencias sanitarias, económicas e sociais, veu a demostrar que podemos facer fronte á adversidade con tesón, espírito de cooperación, dilixencia e unha boa dose de solidariedade.
Colaborar na reciclaxe constitúe toda unha mostra de responsabilidade coa protección do medio ambiente e, xa que logo, co benestar e calidade de vida das xeracións actuais e futuras.
O labor da cidadanía eríxese no cimento do traballo que posteriormente se desenvolve nos centros de tratamento para que os residuos depositados en cada contedor de recollida selectiva cobren nova vida e se transformen en recursos, pechando o círculo da súa recuperación.
Hai cousas que podemos cambiar:
- Mira ao teu ao redor. Contornas naturais con residuos abandonados pola man do home. Non o permitamos.
- Planifica o teu consumo e adquire unicamente o necesario. En moitas ocasións compramos de forma compulsiva artigos que acabarán no cubo do lixo, co conseguinte malgaste de recursos naturais e de diñeiro.
- Ollo cos alimentos. Convén fixarse na data de caducidade e data de consumo preferente, e axustar as racións ao número de membros da unidade familiar. Minimizar o desperdicio alimentario constitúe outro dos desafíos. Un terzo dos alimentos que se cultivan no mundo para o consumo humano acaban desbotados.
- Fóra bolsas plásticas dun só uso. Reutiliza a túa bolsa ou fai uso do carriño de mercado de toda a vida.
- Cambia a forma de comprar. Recorre ao comercio local e aos produtos de tempada. Contribuirás á economía da túa contorna e á redución de emisións de CO2 derivadas do transporte.
- Descarta artigos excesivamente embalados e con múltiples envases plásticos. O envoltorio non forma parte do produto e, máis pronto que tarde, acabará convertido nun refugallo.
- O principio de prevención constitúe a máxima a seguir. Reutilizar os obxectos permitiranos reducir a xeración de residuos. As malas prácticas de usar e tirar deben quedar no pasado. Imponse a circularidade dos produtos e o máximo aproveitamento dos mesmos ata esgotar a súa vida útil.
- Unha vez convertidos en residuos, os materiais deben ser separados en orixe e depositados en cada un dos contedores de recollida selectiva para que poidan ser reciclados:
- Contedor amarelo: envases de plástico, latas e briks.
- Contedor azul: papel e cartón
- Iglú verde: envases de vidro
- Contedor marrón (que comeza a implantarse nos concellos galegos): materia orgánica.
- Contedor verde xenérico: fracción resto (non reciclable), na que tamén deben incluírse elementos de protección utilizados pola cidadanía fronte ao Covid tales como mascarillas e luvas.
- Se habitas nunha vivenda unifamiliar con terreo (horta ou xardín), a compostaxe doméstico da materia orgánica constitúe unha magnífica opción para transformala nun abono natural para a terra.
A APORTACIÓN DA INNOVACIÓN
Co fin de impulsar a reciclaxe desde o seu centro de operacións, Sogama, no marco de ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), construíu e equipou, en liña coa industria 4.0, unha nova planta de recuperación de materiais onde, a través de tecnoloxías de última xeración, logra separar ata 11 tipos de residuos reciclables que non foron segregados en orixe polos cidadáns para propiciar a súa transformación en novos recursos. Plásticos, vidro, papel/cartón, briks, metais, etc, mesturados no lixo convencional toman rumbo aos centros recicladores para reincorporarse ao mercado cunha nova vida, propiciando así o aforro de enerxía e materias primas.
Saúdos, Departamento de Comunicación