- Participarán neste programa educativo un total de 10 centros de educación primaria, unha cifra menor que a edición anterior debido ás restricións propias do COVID-19.
- Unha gran parte das actividades promovidas por Sogama foron deseñadas e desenvolvidas en formato online.
- Do mesmo xeito que se veu facendo ata o de agora, os colexios seleccionados recibirán unha illa de reciclaxe conformada por tres contedores (amarelo, azul e verde) de 120 litros cada un, pero, nesta ocasión, contarán con pedal para evitar o contacto dos usuarios cos recipientes.
- Os que dispoñan de servizo de comedor e terreo (horta ou xardín), recibirán un composteiro para reciclar a materia orgánica e convertela en abono.
Cerceda, a 4 de decembro de 2020.- O programa “Recíclate con Sogama”, que alcanza a súa oitava edición, chegará este curso académico a máis dun milleiro de escolares e 93 docentes; unha cifra menor que en anos anteriores debido ás restricións impostas polo COVID-19.
Non obstante, Sogama, ante a incerteza da evolución desta crise sanitaria, adaptou un bo número de actividades a formato online (presentacións, xogos, titoriais, vídeos, etc).
Así mesmo, e prevendo posibles limitacións á hora de impartir sesións de formación presenciais nos centros educativos, elaborou un vídeo titorial destinado ao profesorado para explicar o alcance desta iniciativa, que é precisamente fomentar e fortalecer a segregación de residuos nas aulas a fin de depositalos nos contedores correspondentes e facilitar o seu posterior reciclado. Deste xeito preténdese traballar o hábito da clasificación en orixe, propiciando que se estenda aos fogares e contorna social máis inmediata dos alumnos e profesores.
MEDIOS MATERIAIS
Este curso, e a fin de evitar o contacto directo cos contedores, as tradicionais illas de reciclaxe, conformadas por tres recipientes de 120 litros de capacidade (amarelo – para envases de plástico, latas e briks-, azul –para papel e cartón-, e verde –para A fracción resto-) disporán de pedal, garantindo desta forma unha operativa sen risco algún.
Igualmente, os que así o desexen e conten con terreo, recibirán un composteiro de 390 litros de capacidade, e fabricado con materiais reciclados e reciclables, a fin de que poidan elaborar compost a partir da materia orgánica xerada no centro, aplicándoo posteriormente nas súas hortas ou xardíns. Uha práctica que, en moitas ocasións, é aproveitada para realizar traballos de campo e impartir clases ao aire libre.
Ao longo do curso, un equipo de educadores fará un seguiiento da evolución dos proxectos desenvolvidos polos colexios, asesorándoos e axudándoos nas distintas tarefas a levar a cabo.
CENTROS PARTICIPANTES
Nesta ocasión serán 10 os centros de primaria participantes:
- 3 da provincia de Lugo: CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán, de Xove; CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos; e CEIP Plurilingüe do Corgo.
- 5 da provincia de Pontevedra: CEIP Plurilingüe A Florida, de Sanxenxo; CEIP de Vilaxoán, de Vilagarcía de Arousa; CEIP Antonio Carpintero, de Arbo; CEP Altamira, de Salceda de Caselas; e CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro, de Vigo.
- 1 de Ourense (CPR Plurilingüe Divina Pastora, de Ourense cidade).
- 1 da provincia da Coruña (CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, de Ferrol).
“Recíclate con Sogama” é un dos programas contemplados no Plan Proxecta da Xunta de Galicia, que ten por obxecto educar en valores e fomentar a innovación e boas prácticas nos centros.
Saúdos, Departamento de Comunicación