- No marco do Día Internacional da Reciclaxe, a celebrar mañá, 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, esta entidade pública fai fincapé na importancia de poñer en práctica o principio dos tres erres (Reducir, Reutilizar e Reciclar) para contribuír ao desenvolvemento sostible.
- Lanza así un sinxelo manual online no que deixa constancia das razóns polas cales é importante contribuír á reciclaxe, destacando, entre outras, o aforro de enerxía e materias primas, a loita contra o cambio climático e a preservación dos xa limitados recursos naturais.
- Recorda a relación de residuos a depositar nos distintos contedores de recollida selectiva e enxalza a achega da súa nova planta de recuperación de materiais á reciclaxe a través da innovación tecnolóxica ambiental.
Cerceda, a 16 de maio de 2019.- No marco do Día Internacional da Reciclaxe, que terá lugar mañá, 17 de maio, coincidindo coa conmemoración do Día das Letras Galegas, Sogama pon de relevo a importancia de practicar cada día o principio dos tres erres (Reducir, Reutilizar e Reciclar) para contribuír ao desenvolvemento sostible.
Así, e baixo o lema “Recíclate con Sogama. Querer é poder!”, lanza un sinxelo manual, en formato online e asequible para todos os públicos, no que recorda que os recursos do planeta son hoxe escasos e limitados, e que a prevención e a redución da produción de residuos constitúe o primeiro elo de cara a preservalos, debendo velar en todo momento polo máximo aproveitamento dos produtos e a correcta separación dos materiais, unha vez convertidos en residuos, para garantir o seu posterior reciclado. Neste escenario, o principio dos tres erres eríxese igualmente nunha ferramenta clave para loitar contra as ameazas do cambio climático.
PODEROSAS RAZÓNS PARA RECICLAR
Descoñecer os beneficios da reciclaxe pode facer que decaia o empeño e interese en contribuír á mesma . É por itso que Sogama expón as principais razóns polas cales debemos propiciar a reciclaxe: porque se evita a extracción de materias primas virxes e consérvanse os recursos naturais; porque se recuperan materiais que, doutro xeito, se desperdiciarían; porque se aforra enerxía e auga; porque diminúe a dependencia de combustibles fósiles e a emisión de gases de efecto invernadoiro; porque se reduce a cantidade de residuos a refugallos a depositar no contedor verde convencional; porque a industria da reciclaxe tamén contribúe a crear emprego; e porque cun sinxelo xesto, conseguiremos algo grande: máis vida para o noso planeta.
COLABORACIÓN E INNOVACIÓN: PECHANDO O CÍRCULO
Así mesmo, Sogama recorda os materiais que deben e non deben depositarse en cada un dos contedores de recollix
Fai tamén especial fincapé nas posibilidades que ofrece hoxe a innovación tecnolóxica no ámbito industrial para incrementar as taxas de reciclado. Exemplo ditso é a súa nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo convencional. En liña coa industria 4.0, e mediante tecnoloxías de última xeración, a compañía consegue recuperar ata 11 tipoloxías de materiais que entrega aos centros recicladores para que sexan convertidos en novos recursos e reincorporados ao circuíto comercial cunha nova vida.
Coa entrada en operación desta instalación, que conformou a primeira fase da ampliación do complexo medioambiental de Cerceda, a compañía pública multiplicará por catro a súa achega á reciclaxe e chegará en 2020 ao vertido técnico cero (10%), esixencia imposta polo Parlamento Europeo para todos os Estados membros no horizonte do ano 2035.
A Sociedade Galega do Medio Ambiente móstrase convencida de que, sumando colaboración cidadá e innovación tecnolóxica, facilítase o camiño cara á economía circular na nosa comunidade.
http://www.sogama.gal/gl/campanha/rec%C3%ADclate-con-sogama-querer-%C3%A9-poder
Saúdos, Departamento de Comunicación