- A través da diversión e o xogo, escolares de idades comprendidas entre os 3 e os 5 anos recibiron formación na correcta xestión dos residuos municipais
- Malia a súa curta idade, estiveron moi atentos ás explicacións dos monitores, sendo conscientes de que o papel que desempeñen hoxe e nun futuro próximo, será clave para avanzar cara a unha verdadeira economía circular
Cerceda, a 2 de outubro de 2023.- Os pequenos do Concello de Paderne (A Coruña), con idades comprendidas entre os 3 e os 5 anos, aprenderon os pormenores da reciclaxe da man de Sogama.
Educadores desta empresa pública impartiron, nas escolas unitarias de Viñas e Area, sesións formativas nas que, a través do xogo e a diversión, compartíronse cos alumnos e alumnas as nocións básicas da correcta xestión dos residuos municipais, incidindo na redución, a reutilización e a reciclaxe.
Así, douse traslado das boas prácticas para xerar menos refugallos, para aproveitar ao máximo os produtos e para separalos axeitadamente, unha vez convertidos en residuos, depositándoos nos contedores correspondentes a fin de propiciar a súa reciclaxe: amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para papel e cartón; marrón, para a materia orgánica; iglú verde, para os envases de vidro; e contedor xenérico, para a fracción resto, é dicir, para aqueles refugallos que non se poden reciclar e que Sogama transforma en enerxía eléctrica, evitando deste xeito que acaben enterrados en vertedoiro, co conseguinte impacto sobre a contorna e a saúde pública.
Malia a súa curta idade, os escolares estiveron moi atentos ás explicacións dos monitores, sendo conscientes de que o papel que desempeñen hoxe e nun futuro próximo, será clave para avanzar cara a unha verdadeira economía circular na que os residuos sexan convertidos en recursos, preservando desta forma o medio ambiente.
Saúdos, Departamento de Comunicación