- Os galegos, non só seguen mantendo o seu compromiso coa reciclaxe, senón que esta viuse acrecentada durante a etapa de confinamento derivada do COVID-19.
- A produción de lixo convencional (bolsa negra) aumentou nun 2,51%, se ben no mes de abril veuse constatando unha tendencia á baixa, aínda que con picos.
- O incremento exponencial dos residuos sanitarios no marco da actual crise do coronavirus e a falta de capacidade das instalacións que habitualmente xestionan estes refugallos para procesalos na súa integridade, levou ao SERGAS a recorrer a Sogama para que se valorizasen enerxeticamente nas mellores condicións.
Cerceda, a 7 de maio de 2020.- Tras unha análise da evolución da recepción de residuos no Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) durante os meses de marzo e abril de 2020, e tomando como referencia o mesmo período de 2019, a xeración do residuo convencional (bolsa negra) nos fogares galegos viuse incrementada nun 2,51%, (subindo das 124.835,77 toneladas ás 127.970,03 toneladas), e isto malia que os servizos de hostalería e un bo número de comercios víronse abocados ao peche o pasado 14 de marzo con motivo do decreto do estado de alarma.
A maior produción de refugallos fíxose especialmente evidente durante a segunda semana de confinamento debido, con toda probabilidade, á profunda limpeza que as familias fixeron nas súas casas, liberándose de trastos vellos, téxtis e outros obxectos fóra de uso.
A partir de entón, e aínda que con picos, as toneladas de lixo recepcionadas en Sogama comezaron a baixar lixeiramente.
Pola súa banda, a bolsa amarela subiu das 4.219,83 toneladas recollidas durante os meses de marzo e abril de 2019 ás 5.288,86 toneladas en 2020, cifra que se traduce nun incremento do 25,33%. Isto significa que os cidadáns dos 295 concellos adscritos a Sogama, non só manteñen o seu compromiso coa reciclaxe, senón que a súa colaboración viuse acrecentada durante a cuarentena.
Tomando en consideración os materiais que chegan ao complexo cercedense, púidose deducir un maior consumo de alimentos envasados: plástico, briks e latas (de conservas e refrescos), ao que se suma tamén unha maior adquisición de produtos de limpeza e desinfectantes.
Desde Sogama recórdase a necesidade de levar a cabo un consumo responsable e solidario, e recoméndase revisar a neveira e a despensa a fin de dar saída aos produtos máis antigos, planificar as compras cunha lista na man, ter en conta as particularidades dos produtos perecedeiros (data de caducidade e data de consumo preferente) para evitar que acaben no cubo do lixo, axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para a elaboración de novos menús.
Resulta tamén conveniente o consumo de produtos con menos envase e embalaxe, así como as compras locais e de proximidade, con grandes vantaxes a nivel ambiental, social e económico.
VALORIZACIÓN ENERXÉTICA DE RESIDUOS SANITARIOS DE BAIXO RISCO CON TODAS AS GARANTÍAS
Unha das múltiples consecuencias da pandemia do coronavirus foi o notable incremento da produción de residuos sanitarios. Dado que a capacidade das instalacións que en Galicia viñan xestionando estes refugallos resultaba insuficiente para procesalos na súa integridad, o SERGAS (Servizo Galego de Saúde), a través da Consellería de Medio Ambiente, recorreu a Sogama.
Nun tempo récord, esta empresa pública redactou o proxecto de adaptación técnica e habilitou unha instalación na que os residuos sanitarios de baixo risco (clase II e algúns de clase III –fundamentalmente luvas, buzos, mascarillas e asimilables) son triturados e acondicionados para valorizalos enerxeticamente; un proceso que ten lugar a temperaturas superiores a 850ºC, garantindo así a destrución de patóxenos e outros axentes nocivos, e que se leva a cabo con todos os requisitos ambientais, pois non debe esquecerse que Sogama dispón de potentes e vangardistas sistemas de depuración de gases que lle permiten compatibilizar a súa actividade industrial coa protección da contorna e a saúde.
Desde o pasado 21 de abril, coincidindo coa visita que a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, realizou a esta instalación de residuos sanitarios para coñecer in situ, e de primeira man, o seu funcionamento, Sogama tratou máis de 50 toneladas de residuos destas características.
Este labor desenvólvese de forma independente á liña de xestión de residuos urbanos, contratándose no seu momento persoal externo, que conta cos seus propios vestiarios e que non comparte zonas comúns cos traballadores do resto do complexo.
Saúdos, Departamento de Comunicación