- Case 31.000 millóns de latas recicláronse nos países da UE e a AELC en 2017, o que representa máis de 420.000 toneladas de aluminio.
- Entre as bondades da reciclaxe de aluminio, cabería destacar que consome un 95% menos de enerxía e só o 5% das emisións de GEI que tería a súa produción a partir de materia prima virxe.
- O sector confía en que a taxa europea de reciclaxe de latas aumentará aínda máis na próxima década, principalmente a través dunha combinación de medidas tales como sistemas mellorados de recolección e iniciativas baseadas en incentivos.
Cerceda, a 29 de outubro de 2019.- A taxa global de reciclaxe de latas de bebidas de aluminio na Unión Europea, Suiza, Noruega e Islandia aumentou en 2017 un 2,3% respecto ao ano anterior (72,8%), alcanzando así un récord histórico do 74,5% en 2017. Isto quere dicir que case 31.000 millóns de latas recicláronse nos países da UE e a AELC en 2017, o que representa máis de 420.000 toneladas de aluminio.
Entre as bondades da reciclaxe de aluminio, cabería destacar que consome un 95% menos de enerxía, á vez que xera só o 5% das emisións de gases de efecto invernadoiro que tería a súa produción a partir de materia prima virxe.
Así as cousas, a reciclaxe de latas de aluminio aforra o equivalente anual de aproximadamente 3 millóns de toneladas de emisións de GEI, ou as emisións anuais dunha cidade europea de tamaño medio como Belfast, Malmö ou Thessaloniki.
Os fabricantes de latas (membros de Metal Packaging Europe) e os seus provedores de aluminio confían en que a taxa europea de reciclaxe de latas aumentará aínda máis na próxima década, principalmente a través dunha combinación de medidas tales como sistemas mellorados de recolección e iniciativas baseadas en incentivos. Aseguran estar listos para investir en capacidades de reciclaxe adicionais, sempre que outras partes interesadas, como os operadores de xestión de residuos públicos e privados, estean igualmente preparados para investir en instalacións de clasificación modernas e adicionais.
Todo isto fai da reciclaxe do aluminio un proceso que contribúe en boa medida á economía circular e á sostibilidade, xa que todas as latas de aluminio son igualmente reciclables, sen importar a cor, deseño, formato ou tamaño.
Fonte: Metal packaging Europe
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación