- Os LED xa representaban o 43% no mercado da iluminación en 2015, e agárdase que esta tendencia continúe.
- Segundo informan desde o consorcio EIT RawMaterials, financiado pola UE, a día de hoxe non existe unha solución técnica o suficientemente eficiente para reciclar LED.
- Neste escenario, emerxe o proxecto REDLED ( Recycling End-of life-LED) que, coordinado pola Universidade de Burdeos, ten por obxecto desenvolver unha tecnoloxía que permita reciclar estes produtos de iluminación.
Cerceda, a 25 de setembro de 2020.- Debido ao crecente uso de iluminación LED nos últimos anos e a vida útil destas lámpadas, a súa correcta reciclaxe converteuse nunha cuestión esencial para a recuperación de materias primas e a redución do seu impacto ambiental.
Os LED xa representaban o 43% no mercado da iluminación en 2015, e agárdase que esta tendencia continúe. Tendo en conta que a súa vida útil é duns 8 anos, a súa reciclaxe tórnase esencial.
As luces LED son enerxeticamente eficientes, duradeiras e non conteñen mercurio, plomo nin fósforo, coa particularidade de que as materias primas críticas que se utilizan para a súa produción son todas reciclables. É por isto que a súa recuperación e reutilización como recursos secundarios para novos produtos axuda a conservar recursos naturais finitos, véndose diminuídas igualmente as emisións de gases de efecto invernadoiro.
Non obstante, e segundo informan desde o consorcio EIT RawMaterials, financiado pola UE, a día de hoxe non existe unha solución técnica o suficientemente eficiente para reciclar LED.
PROXECTO REDLED
Neste escenario, emerxe o proxecto REDLED ( Recycling End-of life-LED). Coordinado pola Universidade de Burdeos, ten por obxecto desenvolver unha tecnoloxía que permita reciclar estes produtos de iluminación. Ademais de reforzar a economía circular, reduciríanse custos e o impacto do vertido de residuos porque, aínda que as luces LED xa son respectuosas co medio ambiente, terán un impacto menos negativo sobre a contorna se se reciclan correctamente.
Este proxecto centrarase na avaliación do volume potencial de LED que chegarán ao final da súa vida útil nos próximos anos ata 2030 e da cantidade de materias primas críticas contidas nas lámpadas descartadas.
Ademais, traballará na caracterización e avaliación dos materiais recuperados, así como na análise de fluxos e do ciclo de vida para avaliar o impacto ambiental e económico da tecnoloxía de reciclaxe desenvolvida.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay