- No primeiro semestre de 2024, cada cidadán depositou nos puntos SIGRE das farmacias unha media de 107,76 gramos de envases baleiros ou con restos de medicamentos
- Preto do 70% dos envases depositados no Punto SIGRE recíclanse e a parte non reciclable, así coma os restos de medicamentos, aprovéitanse como fonte de enerxía
Cerceda, a 21 de outubro de 2024.-É un feito que o compromiso da cidadanía coa reciclaxe dos medicamentos crece cada ano. Así o poñen de manifesto os últimos datos presentados por SIGRE ás autoridades ambientais, que reflicten un aumento do 3,75% na cantidade de envases baleiros ou con restos de medicamentos depositados nos contedores brancos das farmacias durante o primeiro semestre de 2024 respecto do mesmo período do ano anterior.
En concreto, nestes Puntos SIGRE distribuídos polas máis de 22.150 farmacias españolas, recolléronse unha media de 107,76 gramos destes residuos por habitante. Unha sensibilización social que tamén quedou plasmada na última sondaxe realizada para esta entidade, segundo a cal o 90% dos españois considera prexudicial para o medio ambiente tirar os medicamentos ao lixo ou polo desaugadoiro.
De acordo á normativa vixente, a distribución farmacéutica é a encargada de recoller das farmacias os residuos de medicamentos e os seus envases depositados polos cidadáns nos Puntos SIGRE. Acto seguido, son trasladados aos seus almacéns e depositados alí en contedores estanco, situados á súa vez nunha zona especialmente identificada e separada dos produtos farmacéuticos. Desde aí, xestores autorizados lévanos ata a Planta de Clasificación de Envases e Residuos de Medicamentos situada en Tudela de Duero (Valladolid), instalación pioneira e referencia mundial no tratamento deste tipo de residuos.
Nesta Planta, a aplicación da intelixencia artificial e a robótica na separación e clasificación dos residuos permiten xa reciclar case o 70 por cento dos envases. Unha elevada porcentaxe ao que contribúe tamén o esforzo que a industria farmacéutica leva a cabo en materia de ecodeseño. Nas dúas décadas de funcionamento de SIGRE, as compañías farmacéuticas aplicaron máis de 3.500 iniciativas neste ámbito favorecendo, entre outras melloras ambientais, que os envases sexan máis facilmente reciclables.
Aqueles restos de envases que non poden reciclarse, así coma os restos de medicamentos, aprovéitanse como fonte de enerxía, de maneira que se evita o consumo de combustibles fósiles.
Fonte e imaxe: SIGRE