- Se en 2020 se reciclaron máis de 1 millón de toneladas de residuos plásticos en España, evitando con isto a emisión de máis 1,7 millóns de toneladas de CO2 por substitución de plástico virxe, en 2021 esta cifra incrementouse en 150.000 toneladas máis
- Deste dato deixouse constancia no primeiro Congreso Nacional de Reciclaxe de Plástico, organizado por Anarpla, tendo lugar en Madrid o pasado 17 de maio, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Reciclaxe
Cerceda, a 20 de maio de 2022.- O pasado martes, 17 de maio, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Reciclaxe, tivo lugar, baixo a organización da Asociación Nacional de Recicladores de Plástico (Anarpla), o primeiro Congreso Nacional de Reciclaxe de Plástico.
O evento, que se celebrou no Auditorio Rafael do Piñeiro de Madrid, contou coa asistencia de máis de 250 representantes da cadea de valor deste material.
David Eslava, presidente de Anarpla, explicou, con datos, a importancia do sector da reciclaxe de plástico: “Contamos con empresas de máis de 40 anos e Anarpla representa ao 70% da capacidade instalada do sector, posicionando a España como o segundo país en ratio de reciclaxe de Europa”, ao que engadiu que “O noso país é un dos cinco Estados europeos –xunto a Alemaña, Italia, Reino Unido e Francia– cuxa capacidade de reciclaxe supón un 67% do total do continente. Ocupamos o segundo lugar en capacidade de reciclaxe para o PET, o terceiro para o LDPE e o cuarto para o HDPE e PP”.
Se en 2020 se reciclaron máis de 1 millón de toneladas de residuos plásticos en España, evitando con isto a emisión de máis de 1,7 millóns de toneladas de CO2 por substitución de plástico virxe, en 2021 o crecemento foi superior ao 10%, o que supón da orde de 150.000 toneladas máis instaladas ese ano.
MATERIAL RECICLADO DE CALIDADE
Pola súa banda, Antonino Furfari, director xeral de Plastics Recyclers Europe, lanzou unha mensaxe rotunda á hora de situar as perspectivas presentes e futuras do sector europeo de reciclaxe de plásticos: “Non pode ser que só esteamos a crear produtos de baixa calidade de material reciclado, xa que o futuro pasa por lograr incorporar material reciclado de alta calidade aos mesmos para que se dean verdadeiros cambios nos mercados”.
Pola súa banda, José María Alegre, asesor técnico de Anarpla, deu a coñecer as cifras da reciclaxe de plástico en España. Na súa radiografía do sector, prognosticou que as instalacións existentes “lograrán incrementar en 2023 máis de 80.000 toneladas aos 1,7 millóns alcanzadas en 2020, malia a pandemia do coronavirus”.
Óscar Hernández, director xeral de Anarpla, foi o encargado de clausurar o congreso. Dado o éxito alcanzado nesta primeira edición, anunciou que a segunda xa ten data para o próximo ano: “Será o 17 de maio, coincidindo co Día Mundial da Reciclaxe”.
Fonte e imaxe: FuturEnviro