- Segundo datos de ANAPE, ascendeu a 7.440 toneladas, mantendo a tendencia á alza desde 2010.
- A meirande parte do material reciclado destínase a granza de PS para a fabricación de planchas de illamento de XPS, aínda que tamén se usa para outras aplicacións como molduras ou mobiliario urbano. Unha porcentaxe máis pequena tritúrase para a súa reincorporación á fabricación de novo EPS.
- Conforme aos obxectivos europeos de economía circular, e no marco da Estratexia de Plásticos, ANAPE segue a traballar para alcanzar un 50% de reciclado e chegar ao vertido cero en 2025.
Cerceda, a 5 de setembro de 2019.- Segundo datos publicados por ANAPE (Asociación Nacional que agrupa á industria española do Poliestireno Expandido –EPS-), a reciclaxe deste material viuse incrementada o pasado ano en España nun 24% respecto ao exercicio anterior, recuperando un total de 7.440 toneladas, co que se mantén a tendencia á alza desde o ano 2010.
Uns bos resultados que, a xuízo desta organización, son froito do traballo conxunto de toda a cadea de transformación e xestión deste residuo, evidenciando o compromiso da industria do Poliwstireno Expandido coa economía circular.
Dadas as súas propiedades hixiénicas e de illamento térmico, a utilización do EPS en envases e embalaxes atópase moi asentada no sector da alimentación e distribución de produtos farmacéuticos, estando tamén presente de forma moi significativa no ámbito da construción, dadas as súas propiedades illantes.
ANAPE clarifica que o EPS non debe ser confundido co Poliestireno Espumado termo-formado (TF-XPS), que tamén se usa en alimentación, en barquetas ou bandexas base de carnes, peixes e froitas. Aínda que as súas composicións químicas son similares, difiren nas súas aplicacións, puntos de xeración, impactos ambientais e xestión en xeral dos residuos.
AVANZANDO CARA AO CUMPRIMENTO DOS OBXECTIVOS EUROPEOS
Conforme aos obxectivos europeos de economía circular e no marco da Estratexia de Plásticos, ANAPE segue a traballar para alcanzar un 50% de reciclado e chegar ao vertido cero en 2025.
Unha das ferramentas das que se serve é o proxecto europeo LIFE EPS-SURE, cuxo fin é transformar, a través da reciclaxe, caixas de peixe de EPS en novos envases de poliestireno aptos para contacto alimentario. Así mesmo, traballa na mellora da loxística de recollida co tradicional proxecto dos centros Eco-EPS (transformadores que reincorporan residuo limpo triturado á produción de EPS novo) e as alianzas coa rede dos recuperadores e recicladores capaces de dar unha segunda vida ao produto.
O 79% do total de toneladas recicladas xestiónase a través de recuperadores e recicladores. Esta cantidade é proporcional ao montante de refugallos procedentes do fluxo comercial e industrial (caixas de peixe, embalaxes de electrodomésticos, etc...). A través do contedor amarelo xestiónase un 14% e, a través dos Centros Eco-EPS, un 7%. Isto é debido a que unicamente incorporan á súa produción o residuo de maior calidade.
A meirande parte do material reciclado destínase a granza de PS para a fabricación de planchas de illamento de XPS, aínda que tamén se usa para outras aplicacións como molduras ou mobiliario urbano. Unha porcentaxe máis pequena tritúrase para a súa reincorporación á fabricación de novo EPS.
A principal barreira coa que se atopa o sector é a prevalencia en España do vertedoiro sobre a valorización enerxética, polo que resulta prioritario aplicar de forma contundente a xerarquía de xestión de residuos a fin de dar cumprimento ás estratexias europeas nos prazos establecidos.
SOBRE ANAPE
ANAPE inicia a súa andaina en 1979, como a Asociación Nacional que agrupa á industria española do Poliestireno Expandido (EPS) co fin de representar ao sector ante diversos interlocutores.
A día de hoxe, atópase perfectamente consolidada, representando tanto ás empresas produtoras e comercializadoras de Poliestireno Expandible (a materia prima), como ás que fabrican o produto terminado, é dicir, os transformadores.
A pretensión última é que o EPS contribúa a garantir uns edificios confortables e enerxéticamente eficientes, así como un envase e embalaxe segura, versátil e respectuosa co medio ambiente.
Fonte e imaxe: www.anape.es
Saúdos, Departamento de Comunicación