- En 2017 recicláronse a nivel estatal un total de 771.200 toneladas de envases plásticos, o que supón o 48% de todos os envases, superando o obxectivo legal da Unión Europea do 22,5%.
- Todo fai pensar que, con esta taxa, poderase alcanzar, e ata superar, os obxectivos establecidos pola UE para a reciclaxe de envases plásticos: 50% no ano 2025 e 55% en 2030.
- Non obstante, a novidade reside en que, por primeira vez no noso país, creceron de forma global as cifras de plástico reciclado, máis aló do sector específico dos envases, con 1.006.0000 toneladas recicladas, o que representa un índice de recuperación do 41%.
- Con máis de 120 empresas e entre 3.500 e 4.000 postos de traballo directos, o sector reciclador en España é un dos máis potentes e seguros de Europa.
Cerceda, a 4 de abril de 2019.- En 2017, e segundo datos de Cicloplast e Anarpla, recicláronse en España un total de 771.200 toneladas de envases plásticos, o que supón o 48% de todos os envases, superando o obxectivo legal da Unión Europea do 22,5%. Inclúense aquí tanto os envases de orixe doméstica, e depositados no contedor amarelo de recollida selectiva, como os de orixe comercial e industrial e tratados a través de xestores autorizados de carácter privado.
Todo fai pensar que, con esta taxa, poderase alcanzar, e ata superar, os obxectivos establecidos pola UE para a reciclaxe de envases plásticos: 50% no ano 2025 e 55% en 2030.
Pero a novidade reside en que, por primeira vez no noso país, creceron de forma global as cifras de plástico reciclado, máis aló do sector específico dos envases, un dato que evidencia a maior concienciación da poboación e os esforzos realizados no ámbito da innovación aplicada a sistemas de recollida e procesos de reciclado, facendo realidade os primeiros pasos cara a unha verdadeira economía circular ao posibilitar a incorporación ao mercado de materiais reciclados para a súa conversión en novos produtos.
Así, en 2017 recicláronse 1.006.0000 toneladas de plástico, o que representa un índice de recuperación do 41%, tal e como se recolle no informe anual estatístico realizado por Cicloplast en colaboración con Anarpla (Asociación Nacional de Recicladores de Plástico); unhas cifras que, se ben resultan moi positivas, non deben deixar lugar para a autocomplacencia, toda vez que non son suficientes aínda e precisan ser melloradas para alcanzar maiores cotas de reciclado.
É por isto que ambas organizacións consideran necesario seguir impulsando medidas para a recollida de plásticos, e non só de envases, senón doutras tipoloxías tales como mobiliario urbano e de vehículos fóra de uso e agrícolas, á vez que se debe fomentar o ecodeseño co fin de lograr produtos máis reciclables, así como as compras públicas verdes.
O SECTOR DA RECICLAXE DO PLÁSTICO: ROBUSTO E SEGURO
Con máis de 120 empresas e entre 3.500 e 4.000 postos de traballo directos, o sector reciclador en España é un dos máis potentes e seguros de Europa.
En 2017, producíronse 754.244 toneladas de material plástico reciclado para a fabricación de novos artigos, permitindo un notable aforro de emisións de CO2. De alcanzar o obxectivo de reciclado do 55% dos envases, estímase un aforro de 14,8 millóns de toneladas de emisións de CO2 (o 80% deste aforro ten lugar pola substitución do plástico virxe), a creación de 65.400 novos postos de traballo directos na cadea de valor da reciclaxe e outros 50.000 indirectos (recollida, selección e reciclado).
A reciclaxe do plástico é posible e viable coa colaboración de todos. A recuperación deste material depende en boa medida da correcta separación do mesmo en orixe. Ademais, as plantas de reciclaxe de plásticos en España son seguras, cumpren rigorosamente coa lexislación vixente no ámbito industrial e ambiental, e contan con todas as garantías preventivas e de seguridade, estando na súa maioría certificadas de forma voluntaria polas normas ISO 9001 de calidade e ISO 14001 de xestión medioambiental.
Fonte: Cicloplast
Saúdos, Departamento de Comunicación