- Cada galego depositou, de media, 18,5 kg de envases de vidro no contedor verde, o equivalente a 63 envases por persoa
- De forma complementaria recuperáronse, nas plantas de tratamento de residuos urbanos da Comunidade, 17.531 toneladas que non foron correctamente separados en orixe, un 30% máis que en 2022
Cerceda, a 29 de febreiro de 2024.- A recollida selectiva de envases de vidro en Galicia superou as 49.700 toneladas en 2023, segundo o balance anual de Ecovidrio. Deste xeito, cada galego depositou, de media, 18,5 kg de envases de vidro no iglú verde, o equivalente a 63 envases por persoa. Estas cifras sitúanse na contorna da media nacional -19,2 kg por habitante e uns 66 envases por persoa-.
Por provincias, A Coruña liderou a aportación cidadá á recollida selectiva de vidro, con 18,3 kg/hab; seguida de Pontevedra (17,6 kg/hab), Lugo (16,1 kg/hab) e Ourense (15,5 kg/hab).
Cómpre salientar o caso do concello de Santiago de Compostela, que coa recollida de 28,2 quilogramos por habitante, sitúase entre as tres capitais máis recicladoras de España, só por detrás de San Sebastián (38,3 kg/hab) e Pamplona (31 kg/hab).
Esta recollida selectiva é posible grazas á rede de iglús verdes que a cidadanía ten á súa disposición en Galicia. Na actualidade hai 18.302 repartidos por toda a Comunidade -1 por cada 147 habitantes-.
Ademais do vidro depositado nos iglús verdes pola cidadanía, recuperáronse, de forma complementaria, nas plantas de tratamento de residuos urbanos da Comunidade, 17.531 toneladas de refugallos de envases deste material que non foron correctamente separados en orixe. Nese senso, cómpre subliñar que este dato é un 30% superior ás cifras do ano 2022, o que pon de manifesto o esforzo levado a cabo para reintegrar eses residuos no ciclo produtivo e evitar que rematen en vertedoiro.
A reciclaxe de envases de vidro é un elemento clave na loita contra o cambio climático e a descarbonización da nosa economía. Durante 2023, e grazas á reciclaxe destes residuos en Galicia, aforráronse 48.051 MWh de enerxía e evitouse a emisión de 39.021 toneladas de CO2 así como a extracción de máis de 80.735 toneladas de materias primas.
Fonte: Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
Imaxe: Ecovidrio