- CEPI, a asociación europea que representa á industria do papel, e á que pertence ASPAPEL, vén monitorizando moi de preto a evolución do mercado de papel para reciclar.
Cerceda, a 14 de abril de 2021.- Se ben os mercados de materias primas secundarias son volátiles por natureza, CEPI, a Asociación europea que representa á industria do papel, e á que pertence ASPAPEL (Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón), vén monotorizando moi de preto a evolución do mercado de papel para reciclar, asegurando que existe unha robusta demanda en Europa e en todo o mundo.
ASPAPEL, que participou nesta análise, destaca que, en España, a situación é boa debido á fortaleza probada do noso sistema de recollida selectiva e á gran capacidade recicladora da industria papeleira española.
Para manter este nivel de fortaleza fronte ás principais perturbacións externas, a mensaxe da industria papeleira europea permanece inalterada: a recollida selectiva de papel en orixe garante un papel de boa calidade para a reciclaxe, que se cubrirá coa demanda da industria papeleira europea, moi comprometida co incremento das taxas de reciclaxe de papel nas dúas últimas décadas.
Neste sentido, ASPAPEL reitera que a industria papeleira española garante a reciclaxe no noso país de todo o papel e cartón recollido selectivamente que cumpra cos estándares europeos de calidade (norma UNE-EN 643).
CEPI acolle con satisfacción o feito de que algúns países, onde a recollida selectiva de papel e cartón aínda non está completamente implementada, estean a seguir o seu exemplo, instaurándoa a nivel doméstico.
A Asociación europea tamén está a acompañar desenvolvementos estruturais como a modificación dos hábitos de consumo dos papeis gráficos e os impactos conseguintes na entrada de fibra nova no ciclo da reciclaxe.
Así mesmo, cada vez máis produtos de consumo van embalados e envasados en solucións sostibles de papel e cartón, que son unha valiosa contribución ao ciclo da reciclaxe de papel.
Fonte e imaxe: Aspapel