- O evento tivo lugar onte, 9 de febreiro, na Cidade da Cultura, e no mesmo púxose en valor a importancia da implicación das compañías na formación e capacitación de futuros profesionais.
- Sogama introduciuse na FP dual en setembro de 2020 e, desde entón, e ata o próximo 31 de agosto, acolle en prácticas a dous estudantes do IES Monte Neme de Carballo, aos que se asinou un titor que lles axuda e guía no proceso de aprendizaxe.
- En concreto, os mozos están adscritos á planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, que opera en liña coa industria 4.0
Cerceda, a 10 de febreiro de 2022.- O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, acompañado polo técnico de Asesoría Xurídica e Responsable de Seguridade, José Manuel Pallas, asistiu onte, na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), ao acto de recoñecemento da Xunta de Galicia ás empresas colaboradoras coa FP Dual, entre as que se atopa esta compañía pública.
Aínda que a Sociedade Galega do Medio Ambiente leva acollendo en prácticas a titulados universitarios de diferentes ámbitos tales como a enxeñería , a economía, a bioloxía, a química e a educación social, entre outros, foi en 2020 cando, por primeira vez, se introduciu na FP dual a través da rúbrica dun convenio de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o IES Monte Neme de Carballo, municipio veciño co que sempre mantivo estreitos lazos institucionais e co que coopera en distintas áreas ambientais.
A través deste acordo, Sogama pretende contribuír á formación de Técnicos Superiores en Mecatrónica Industrial e dar unha oportunidade laboral aos recentemente titulados para que coñezan de forma pormenorizada a operativa do Complexo Medioambiental de Cerceda e a aplicación no mesmo da intelixencia artificial e a mecatrónica industrial.
Desde o 15 de setembro de 2020, a entidade acolle, en período de prácticas, a dous estudantes (mozo e moza) do instituto carballés a fin de complementar e reforzar, a pé de obra, a formación académica impartida no centro.
A súa estancia en Sogama culminará o próximo 31 de agosto. Ata entón, a compañía pública pretende achegar todo o seu coñecemento e bagaxe para capacitalos no exercicio da súa profesión, con gran proxección a día de hoxe, xa que a mecatrónica combina áreas como a mecánica, a robótica e a electrónica, que permiten desenvolver equipos de automatización a través dos cales xa se logrou cambiar a produción nas empresas, dando como resultado unha maior precisión, rapidez e calidade.
INDUSTRIA 4.0
Concretamente, os mozos están adscritos á planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa, e que opera en liña coa industria 4.0, estando equipada con procesos mecánicos caracterizados pola súa innovación e eficiencia na correcta selección dos residuos para que estes reciban a mellor xestión conforme ás súas características.
Os estudantes dispoñen dun titor na empresa que lles axuda e guía no proceso de aprendizaxe, pretendendo con isto que adquiran as competencias necesarias na súa área de especialización para acceder ao mundo laboral con maiores coñecementos e oportunidades.
“A economía circular require de profesionais solventes, con grandes doses de enxeño, creatividade, especialización e expectativas”, subliñou Javier Domínguez, engadindo que “Temos por diante un gran reto como é a transición ecolóxica e, para que podamos enfrontalo con garantías, precisamos tecnoloxía, pero tamén equipos humanos altamente cualificados”.
Así mesmo, agradeceu a gran implicación e cooperación do IES Monte Neme neste proxecto e enxalzou a figura do seu dinamizador, Manuel Verdes Abella, polo seu gran compromiso coa formación do alumnado, a súa capacidade para xerar sinerxías e o seu traballo incansable de cara a contribuír a un futuro mellor para os mozos.
Saúdos, Departamento de Comunicación