- Sogama incide na necesidade de non confundir celebración con malgasto, e convida á reflexión para introducir pequenos xestos diarios co fin de minimizar a produción de residuos nestas datas, acrecentada polo consumismo desmedido
Cerceda, a 17 de decembro de 2024.-Durante os últimos anos, a celebración das Festas de Nadal evolucionou cara a un consumismo desmedido que ten un dos seus máximos expoñentes na elevada produción de residuos, cos conseguintes custos ambientais e económicos
A inxente cantidade de alimentos que acaban no cubo do lixo, así como as innumerables caixas utilizadas no transporte de mercadorías, os interminables rolos de papel para agasallos e a enorme cantidade de envases plásticos para xoguetes e obxectos diversos, debe convidarnos á reflexión e, como resultado da mesma, que sexamos quen de ir introducindo pequenos xestos para tentar ser máis sostibles nunhas datas nas que se confunde celebración e malgasto.
Algúns consellos Sogama:
- Planifica as compras e os menús, e adquire unicamente o necesario.
- Elixe produtos de proximidade e de tempada para apoiar a economía local, e prescinde daqueles que deben percorrer longas distancias para ser consumidos debido ás altas emisións de CO2.
- Prioriza as compras a granel e evita o uso de bolsas, envases e envoltorios.
- Axusta as racións ao número de comensais e, de haber sobras, repárteas entre os invitados ou ben utilízaas para elaborar novos menús.
- Opta por cubertos, vasos e vaixelas reutilizables, e descarta as dun só uso. O mesmo cos panos de mesa, dando preferencia aos de tea.
- Non compres papel para envolver os agasallos e bota man de alternativas tales como teas e sacos de yute reutilizables.
- Un agasallo artesán, feito por ti mesmo, non só gaña en personalidade, senón que terá un menor impacto ambiental. Outra opción é adquirir os fabricados por entidades de carácter social.
- Non é necesario regalar algo material: entradas para un concerto, un festival, unha sesión de coidados persoais, #etc, pode ser unha magnífica opción e deixar no que o recibe un grato recordo.
- Separa os teus residuos por tipos de material e introdúceos nos contedores correspondentes para que poidan ser reciclados.
- Practica a solidariedade. Axudar aos demais pode ser tamén un agasallo altamente reconfortante.
Saúdos, Departamento de Comunicación