- Así o manifestou o seu presidente no III Encontro de empresas públicas de xestión de residuos da Cornixa Cantábrica, celebrado en Bizkaia e organizado por Garbiker, empresa 100% pública pertencente á Deputación Foral
- Baixo o título “Sogama: solución integral e circular para a xestión dos residuos municipais en Galicia”, Javier Domínguez expuxo os pormenores do sistema de xestión maioritario nesta comunidade, incluídas as súas instalacións, operativa e loxística, así como os proxectos de innovación ambiental que esta Sociedade lidera
Bizkaia, a 29 de novembro de 2024.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez, participou esta semana no III Encontro de empresas públicas de xestión de residuos da Cornixa Cantábrica, celebrado en Bizkaia e organizado por Garbiker, empresa 100% pública de xestión de residuos pertencente á Deputación Foral, e fíxoo xunto a representantes de entidades tan relevantes no sector como Cogersa, GHK, Mare e Garbiker, asistindo tamén a compañía GRHUSA (Gestión de Residuos Huesca), en calidade de invitada.
Baixo o título “Sogama: solución integral e circular para a xestión dos residuos municipais en Galicia”, Domínguez Lino expuxo os pormenores do sistema de xestión de residuos maioritario nesta comunidade (dá servizo a 295 concellos), que foi avalado nas súas orixes pola Comisión Europea, ratificado anos despois a través dunha auditoría externa e independente encargada desde Bruxelas, e consolidado a día de hoxe como un modelo de referencia para outros moitos territorios pola súa capacidade para xestionar os refugallos de forma integral, xa que contempla a aplicación prioritaria do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), que ten continuidade coa recuperación enerxética da parte non reciclable a fin de minimizar a vertedura, a opción máis contaminante.
Rede de infraestruturas e loxística: a medida de Galicia
A rede de infraestruturas da que dispón esta Sociedade para levar a cabo o seu labor, foi un dos puntos máis relevantes na alocución do seu presidente, toda vez que a empresa está dimensionada e preparada para responder ás particularidades xeográficas, orográficas e de dispersión poboacional de Galicia.
Un complexo medioambiental, situado en Cerceda (A Coruña), constitúe o epicentro da xestión da bolsa amarela e negra. No primeiro caso, mediante a selección dos envases de plástico, latas e briks procedentes da recollida selectiva do contedor amarelo para remitilos aos centros recicladores e, no segundo, mediante a recuperación material da parte reciclable depositada erroneamente polo cidadán no contedor xenérico e a transformación en electricidade da non reciclable.
Para que os residuos producidos por máis de 2,2 millóns de habitantes cheguen a este centro de tratamento, Sogama válese de 37 plantas de transferencia e unha ambiciosa loxística protagonizada polo ferrocarril como medio preferente para o transporte de residuos.
Pola súa banda, a materia orgánica recollida de forma diferenciada a través dos contedores marróns trátase nas 4 plantas de biorresiduos que esta empresa pública ten en funcionamento nas 4 provincias galegas, utilizando para isto 11 das 37 plantas de transferencia ás que dotou cunha tolva específica para o transvasamento desta fracción.
Javier Domínguez tamén falou dos proxectos de innovación ambiental nos que a Sociedade está inmersa e lidera, como é o caso de Gresint, cuxo obxecto é a incorporación de tecnoloxías intelixentes á xestión de residuos; BFC Climatech, orientado cara á recuperación e reciclaxe do residuo téxtil contido na bolsa negra; e Smmash, cuxa pretensión é desenvolver novos materiais a partir da recuperación de metais contidos nas escouras.
Horizonte 2030
Con todo, foi no avance do novo plan estratéxico de Sogama para o período 2025-2030, onde anunciou os dous eixos sobre os que este pivotará, como é a recuperación de téxtil, a través da posta en marcha dunha planta de clasificación para este residuo, que contará con capacidade para 3.000 toneladas anuais, podendo chegar ás 24.000, e á que se destinará un investimento de 14 millóns de euros; e a transformación dixital, tanto desde a dimensión industrial como administrativa, o que permitirá á compañía gañar en eficiencia e axilidade, ademais de aforrar tempo, sen esquecer o traballo continuo no ámbito da economía circular, a incorporación das últimas tecnoloxías dispoñibles e a maior profesionalización do equipo humano.
Saúdos, Departamento de Comunicación