- Promovido e organizado por Repacar, celebrarase o próximo 3 de novembro en Madrid, sendo o seu obxectivo reunir a algúns dos maiores expertos nacionais e internacionais sobre os mercados de papel recuperado para analizar o presente e o futuro deste material
Cerceda, a 27 de outubro de 2022.- Tralo éxito da última edición, con case 300 congresistas, o próximo 3 de novembro celebrarase en Madrid, concretamente no auditorio da Casa do Lector, o 13º Congreso de Reciclaxe de Papel.
Promovido e organizado por Repacar (Asociación Nacional de Recuperadores Recicladores de Papel e Cartón), constitúe o maior evento que se desenvolve anualmente en España sobre a reciclaxe de papel e cartón.
Baixo o lema “Recuperamos residuos, producimos recursos”, Repacar reunirá nesta edición do congreso a algúns dos maiores expertos nacionais e internacionais sobre os mercados de papel recuperado para analizar o presente e o futuro deste material
A través de mesas redondas analizarase como afectarán os novos desenvolvementos normativos ás empresas do sector e os desafíos aos que se enfrontan, nunha conxuntura xeopolítica marcada polas consecuencias socioeconómicas da crise enerxética e de materias primas derivadas da invasión rusa de Ucraína.
En palabras de Gloria Lázaro, directora de Repacar, “Este congreso representa unha oportunidade única para coñecer in situ os retos e oportunidades que enfronta o papel recuperado, un material clave na transición cara á economía circular, que, ademais, contribúe a impulsar o desenvolvemento das comunidades locais e xera emprego sostible e de calidade”.
O evento tamén é unha cita crave para todos os axentes da cadea de valor da reciclaxe de papel recuperado (xestores, fabricantes, produtores, provedores e representantes das Administracións Públicas), converténdose nun espazo para o networking e o intercambio de ideas e coñecementos.
Ademais, como novidade desta edición, o mesmo día do congreso celebrarase unha cea de gala no Real Casino de Madrid, onde se fará entrega do Premio Repacar “Unha vida recuperando papel”, que supón un recoñecemento explícito ás persoas e empresas máis relevantes do sector.
Fonte: Repacar
Imaxe: Pixabay