- A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura continúa con seu labor para garantir o acceso continuo ao coñecemento a través dunha gran cantidade de recursos online.
- Documentos, revistas, bases de datos, libros científicos, vídeos, cursos online, podcast e paquetes de novas, están á enteira disposición dos cidadáns.
- Pequenos e mozos tamén teñen a oportunidade de acceder a series específicas sobre cambio climático e alimentación saudable que lles permiten aprender á vez que se divirten.
Cerceda, a 14 de abril de 2020.- Tendo en conta a situación de confinamento que estamos a vivier debido ao COVID-19, a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) segue traballando para garantir o acceso continuo ao coñecemento a través dunha gran cantidade de recursos online.
Así, os interesados poderán dispoñer de información sobre como esta pandemia afecta á alimentación e agricultura, e acceder a unha lista de editores científicos que actualmente facilitan, con carácter gratuito, datos relacionados co coronavirus.
DOCUMENTOS, LIBROS, VÍDEOS, PODCAST E MOITO MÁIS
Para quen busca unha gama máis ampla de recursos en liña nas áreas de especialización da FAO, poderá atopar no seu Repositorio case 100.000 documentos e publicacións sobre temas que van desde a seguridade alimentaria ata a migración, o cambio climático e a pesca. Moitos dos títulos pódense descargar en versión de libro electrónico (EPUB ou MOBI).
No caso de precisar revistas e bases de datos que cobren as disciplinas principais da FAO para o seu ensaio ou traballo de investigación, a Biblioteca David Lubin Memorial é un bo lugar para comezar.
Ademais, o programa AGORA, dirixido pola FAO, proporciona acceso gratuito ou de baixo custo ás principais revistas e libros científicos para mellorar a calidade da investigación, educación e capacitación agrícolas en países de baixos ingresos.
Se se prefire visualizar en lugar de ler, esta organización conta cunha canle de YouTube na que presenta historias empaquetadas, así como contido listo para ver de eventos e proxectos.
Así mesmo, co fin de que os organismos de radiodifusión e outros usuarios profesionais de contido descarguen paquetes de novas de video de alta calidade e conten historias sobre o traballo desta organización, FAO Media Vault ofrece imaxes limpas de alta definición, suxeitas aos termos e condicións de crédito e dereitos de autor.
No caso das fotos, pódese consultar a Base de datos da FAO para máis de 100.000 imaxes temáticas, así como algunhas das coleccións analóxicas históricas.
Adicionalmente, esta entidade produce podcasts en inglés e francés, incluídas entrevistas e historias de éxito que os internautas poden descargar, compartir ou simplemente escoitar.
Para desenvolver habilidades, unha boa opción é visitar a Academia de aprendizaxe electrónica da FAO, que ofrece máis de 300 cursos multilingües en áreas que van desde sistemas alimentarios sostibles ata seguridade alimentaria. Os cursos son gratuitos e están certificados con Insignias Dixitais.
PARA PEQUENOS E NOVOS
Para os pequenos e novos, a serie "Activity books" ofrece unha reflexión e unha ollada ao traballo da FAO en cambio climático e alimentación saudable.
Os módulos de ensino e aprendizaxe "Descubrindo os bosques", dirixidos a nenos de 10 a 13 anos, poden ser un bo xeito de traer algo de natureza aos seus fogares. Pola súa banda, as "insignias de desafío YUNGA " proporcionan actividades para diferentes grupos de idade en torno a temas que van desde a enerxía ata a redución do risco de desastres ou a nutrición.
Fonte e imaxe: http://www.fao.org/publications/highlights-detail/é/c/1269559/