- A xornalista de La Voz de Galicia, María Meizoso, e locutora do programa radiofónico Ecovoz, foi galardoada na categoría de mellor labor informativo
Cerceda, a 28 de decembro de 2023.- A oitava edición dos Premios Recyclia de Medio Ambiente, cuxa entrega tivo lugar en Madrid, recoñeceu á Fundación CEOE pola súa contribución á redución da fenda dixital mediante a xestión ambiental de aparellos electrónicos, así como ao suplemento ABC Natural, do diario ABC, e á xornalista María Meizoso, da Corporación Voz de Galicia.
Fátima Báñez, presidenta da Fundación CEOE, recolleu o premio na categoría ‘Maior Apoio dunha Entidade Pública ou Privada ao Fomento da Reciclaxe’, en calidade de impulsora da campaña ‘Dixitalización Sostible’, tendo valorado o xurado a dobre vertente social e ambiental desta iniciativa, cuxo obxectivo é contribuír ao desenvolvemento da economía circular, a través da reutilización de aparellos electrónicos, e fomentar así o acceso universal á tecnoloxía e a redución da fenda dixital.
En concreto, ‘Dixitalización Sostible’ xa favoreceu o acceso e a formación en novas tecnoloxías por parte de máis de 20.000 persoas en risco de exclusión, e evitou a emisión de 204.000 quilogramos de CO2 grazas á reciclaxe e á reutilización dos máis de 6.500 equipos informáticos doados por máis de 100 empresas e autónomos de toda España.
Recoñecemento aos medios de comunicación
Así mesmo, Recyclia distinguiu o labor informativo e de divulgación dos medios de comunicación. Na categoría ‘Mellor Labor dun Medio de Comunicación á Difusión da Reciclaxe’, o premio recaeu en ABC Natural, recoñecendo así capacidade do suplemento do diario do grupo Vocento para xerar interese e compromiso social ao redor dos desafíos globais en materia de sostibilidade e preservación da biodiversidade.
Pola súa banda, María Meizoso foi premiada na categoría ‘Mellor Labor dun Xornalista á Difusión da Reciclaxe’ no marco do programa radiofónico Ecovoz. O xurado valorou especialmente a divulgación de todo tipo de proxectos no ámbito da xestión de residuos, a innovación en favor da circularidade, a produción e o consumo responsable, e a cultura da reciclaxe.
Igualmente, e coincidindo coa celebración do 25 aniversario do programa radiofónico nesta tempada 2023-2024, salientouse a contribución de todos os profesionais da información que traballaron para converter Ecovoz no espazo de divulgación ambiental decano da radio en Galicia, especialmente en relación ao seu empeño na concienciación de nenos e mozos en canto a prescritores da reciclaxe nos seus fogares.
Fonte e imaxe: Recyclia