- A industria de xestión de RAEE xerou 1.390 millóns de euros de valor engadido bruto en 2022 e mantivo 24.000 postos de traballo a xornada completa
Cerceda, a 5 de marzo de 2024.- A plataforma para a xestión de residuos electrónicos Recyclia incorporouse á Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) para impulsar o potencial socioeconómico do sector da reciclaxe de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) e de pilas e baterías, así coma o recoñecemento do seu carácter estratéxico para garantir unha cadea de subministración estable de materias primas.
Non en balde, o sector xerou un Valor Engadido Bruto (VAB) de 1.390 millóns de euros no noso país en 2022, o que implica un crecemento do 45% no últimos cinco anos. Ademais, mantivo 24.000 postos de traballo a xornada completa e achegou 230 millóns de euros ás arcas do Estado.
Así mesmo, coa súa incorporación a CEOE, Recyclia, entidade administradora das fundacións ambientais Ecoasimelec, Ecofimática e Ecopilas, formará parte de comisións da organización. Tamén participará naqueles proxectos e iniciativas en materia de economía circular, transición enerxética ou mobilidade sostible nos que poida achegar o coñecemento derivado dos seus máis de dez anos de experiencia como primeira entidade administradora de sistemas colectivos de xestión de residuos en España.
Segundo Antonio Garamendi, presidente de CEOE, a incorporación de Recyclia “é unha moi boa noticia para as empresas españolas, xa que é un exemplo de como a transición ecolóxica está no centro da transformación empresarial e de que é unha das pancas fundamentais para o desenvolvemento e o crecemento do tecido empresarial do noso país”. “A sostibilidade é imprescindible para o noso futuro, para o das empresas, para o da economía e para o da sociedade, e temos que traballalo xuntos”, sinalou o presidente das empresas españolas.
Pola súa banda José Pérez, conselleiro delegado de Recyclia, destaca que “a representatividade e os medios que nos achega a incorporación á CEOE supoñen unha excelente oportunidade para o fortalecemento da capacidade de xeración de riqueza e emprego do noso sector, aínda sen teito establecido. Igualmente, permítenos reforzar institucionalmente a nosa contribución a un esquema produtivo circular e sostible, esencial para enfrontar a incerteza xeopolítica actual e blindar o desenvolvemento da economía española e o benestar dos nosos cidadáns”.
Por último, cabe lembrar que Recyclia colabora desde hai dous anos coa Fundación CEOE na campaña ‘Dixitalización Sostible’, cuxo obxectivo é contribuír ao desenvolvemento da economía circular, a través da reutilización de aparellos electrónicos, e fomentar así o acceso universal á tecnoloxía e á redución da fenda dixital.
Dita iniciativa xa favoreceu o acceso e a formación en novas tecnoloxías de máis de 20.000 persoas en risco de exclusión, e evitou a emisión de 204.000 quilogramos de CO2 grazas á reciclaxe e á reutilización dos máis de 6.500 equipos informáticos doados por máis de 100 empresas e autónomos de toda España.
Fonte e imaxe: CEOE