- A organización valora positivamente esta cifra, tendo en conta o período de confinamento da poboación, cuxa mobilidade viuse reducida, coa particularidade de que moitos puntos limpos municipais pecháronse temporalmente.
- Se ben o fluxo de residuos descendeu, séguense a producir en certos ámbitos tales como comercios de alimentación, tendas de informática ou servizos de reparación de electrodomésticos.
- Cabe destacar a intervención de Recyclia na retirada de aparellos electrónicos en desuso en hospitais e outras instalacións sanitarias a fin de habilitar máis espazos para a atención dos doentes.
Cerceda, a 11 de maio de 2020.- Desde que se decretou o estado de alarma, as catro fundacións medioambientais integradas en Recyclia (Ecoasimelec, Ecofimática, Ecolum e Ecopilas) atenden máis de 800 solicitudes semanais de retirada de residuos electrónicos e pilas.
A fundación que máis solicitudes xestionou, cun 37,9%, foi Ecoasimelec (encargada da retirada de todo tipo de aparellos, desde un teléfono móbil ata un escáner médico), seguida por Ecofimática (equipos ofimáticos e de impresión), cun 28,4%, e Ecopilas, cun 21,2%. Pola súa banda, no caso de Tragatóner/Tragatinta (consumibles de impresión) e a fundación Ecolum (aparellos de iluminación), as solicitudes recibidas pola iniciativa supuxeron o 7,3% e o 5,2% do total, respectivamente.
A organización considera moi positiva esta cifra, xa que, debido ao confinamento, reduciuse exponencialmente a mobilidade dos cidadáns e en moitas comunidades autónomas os puntos limpos municipais víronse abocados ao peche temporal. Como consecuencia de todo isto, rexistrouse un descenso nos fluxos de residuos. Non obstante, séguense a xerar refugallos desta tipoloxía en certos ámbitos tales como tendas de alimentación e outros establecementos comerciais considerados servizos básicos (tendas de informática ou servizos de reparación de electrodomésticos). Así mesmo, continúase a xerar residuo profesional naquelas empresas e instalacións pertencentes a sectores que manteñen a súa actividade.
Ao respecto cabe destacar a intervención de Recyclia na retirada de aparellos electrónicos en desuso en hospitais e outras instalacións sanitarias nas últimas semanas, co obxectivo de habilitar máis espazos para a atención de doentes.
Recyclia recorda aos usuarios a importancia de almacenar os residuos electrónicos e as pilas á espera de depositalos no contedor correcto cando as circunstancias o permitan e garantir así a súa reciclaxe.
Neste sentido, a entidade prevé que a actual ralentización dos fluxos fará difícil alcanzar os obxectivos de reciclaxe marcados para este ano, aínda que Recyclia garante a disposición dos medios necesarios para responder de forma rápida e eficaz unha vez superada a pandemia.
Fonte: Retema
Imaxe: Pixabay