- Aos seus tres sistemas colectivos de RAEE e pilas, sumou unha nova entidade, denominada Recyclia Envases, que traballa con fin de ofrecer unha solución integral de recollida separada e reciclaxe para os envases comerciais e industriais
Cerceda, a 21 de xuño de 2024.- Recyclia xestionou o pasado ano 69.317 toneladas de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), un 26% máis que en 2022.
A entidade continúa a ser un referente en reciclaxe de pilas de uso doméstico e de baterías de mobilidade eléctrica e paneis fotovoltaicos, con cifras similares ás do exercicio anterior. Con todo, no caso de residuos cunha vida útil máis curta, como as baterías dos patinetes e bicicletas eléctricas, a recollida creceu de maneira exponencial, concretamente un 238,7%, alcanzando os 13.950 quilos.
A través de Ecopilas, xestionou 9.690 toneladas de pilas e baterías domésticas, industriais e de automoción. Deste volume, 3.948 toneladas corresponden a pilas de uso doméstico, o equivalente ao 52,1% das postas no mercado polas súas empresas adheridas e que supuxo a xestión diaria de 552.500 unidades.
Así mesmo, Recyclia ampliou a súa rede de recollida e aumentou a súa capilaridade mediante acordos con administracións municipais, entidades privadas e organizacións sectoriais, finalizando 2023 con 97.479 puntos, un 4,5% máis que en 2022, e dos que a metade corresponde a contedores para pilas e baterías.
Igualmente, cabería destacar a instalación de 2.561 novos puntos para a recollida de cartuchos de tóner e tinta a través da iniciativa Tragatóner/Tragatinta que, xunto cos de recollida de equipos de impresión, xa fan máis de 30.000 puntos de recollida no noso país.
Aos seus tres sistemas colectivos de RAEE e pilas, sumou unha nova entidade, tamén sen ánimo de lucro, denominada Recyclia Envases. Desde 2023, traballa para ofrecer unha solución integral de recollida separada e reciclaxe de envases comerciais e industriais, cuxa xestión será obrigatoria a partir do próximo 1 de xaneiro. Actualmente, máis de 350 empresas xa subscribiron o compromiso de adhesión ao novo sistema colectivo, que está en fase de tramitación de autorización.
Pola súa banda, a entrada en vigor, en xaneiro de 2023, do control á importación de aparellos e pilas e baterías procedentes de terceiros países, provocou que, en só un ano, a entidade teña case dobrado o número de empresas adheridas (+91 %) aos tres sistemas colectivos que administra (Ecoasimelec, Ecofimática e Ecopilas), alcanzando a cifra récord de 3.085.
Por último, sinalar a posta en marcha da unidade de proxectos de I+D+i, a través da cal Recyclia articula a súa participación en consorcios internacionais de empresas encargados de desenvolver un total de cinco proxectos de investigación que, entre outros resultados, xa probaron con éxito tecnoloxías para a recuperación de materias primas críticas contidas nas baterías de vehículos eléctricos.
Fonte: IndustriAmbiente
Imaxe: Pixabay