- Científicas da UPM conseguiron deseñar e fabricar, a partir de residuos plásticos de cables, paneis e placas cunha maior dureza superficial e unha maior elasticidade, así coma cunha resistencia mecánica que posibilita o seu uso na construción.
- Trala realización dos correspondentes ensaios, os resultados obtidos demostran a viabilidade e interese do material de xeso con residuo plástico de cables para a fabricación de elementos de construción que estean máis expostos á auga.
Cerceda, a 13 de maio de 2020.- Máis do 20% do plástico fabricado destínase ao sector da construción, o que supón que preto de 10 millóns de toneladas anuais converteranse en residuos.
Así as cousas, un grupo de científicas da Escola Técnica Superior de Edificación da Universidade Politécnica de Madrid (UPM) analizou as propiedades destes materiais para aplicalos como materia prima secundaria en paneis e placas de xeso.
PROTECCIÓN DE EDIFICIOS FRONTE Á AUGA
Os resultados mostran que os compostos de xeso a partir de residuos plásticos de cables axudan a protexer os edificios da auga.
As investigadoras conseguiron deseñar e fabricar paneis e placas cunha maior dureza superficial e unha maior elasticidade, así como cunha resistencia mecánica, axustada a normativa, que posibilita o seu uso en construción. Acto seguido analizaron as propiedades dos compostos fronte a accións externas moi comúns nos edificios: a auga, o lume e a calor. Observaron que a capacidade de absorción do auga diminúe significativamente, como consecuencia da contribución impermeabilizante do residuo plástico e da menor cantidade de poros existentes na súa composición, pero conserva a propiedade higrotérmica tan característica dos xesos.
Pola súa banda, a incombustibilidade do xeso contribúe igualmente á mellora do comportamento dos residuos plásticos fronte ao lume, proporcionándolles, durante un tempo, un mecanismo físico de protección. O recubrimento constitúe unha barreira física ao paso de calor e sustancias volátiles, coa particularidade de que as propiedades térmicas melloran lixeiramente, o que supón unha contribución a unha menor demanda enerxética respecto do material tradicional.
Os compostos tamén presentaron un bo confort superficial. Isto conlleva menos frío na súa cara externa e unha disminución na aparición de condensacións, así como unha mellora na adherencia ao soporte debido á maior rugosidade desta cara.
Trala realización de ensaios mineralóxicos, mecánicos, químicos e físicos, e o estudo do impacto ambiental, os resultados obtidos demostran a viabilidade e interese do material de xeso con residuo plástico de cables para a fabricación de elementos de construción que estean máis expostos á auga, como plantas sótanos, plantas baixas sobre soleras ou paredes interiores con ocos.
Fonte: SINC
Imaxe: Pixabay