-
A nova presidenta estará acompañada na súa nova andaina por representantes de entidades tales como Aqualia, Viaqua, Valtalia, Vertex Bionergy, Coregal e a USC-Cretus
Cerceda, a 15 de xullo de 2024.-Viratec, o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, no que se integra Sogama como entidade socia, celebrou a principios deste mes, en Santiago de Compostela, a Asemblea Xeral Extraordinaria con motivo da elección da súa nova Xunta Directiva, á que se presentaron os programas electorais das dúas candidaturas que optaban á presidencia para o período 2025-2028.
A encabezada por Josefa de León, da empresa Agroamb, resultou vencedora, con 50 votos a favor, dos 73 votos emitidos. Acompáñanna na súa andaina José Ramón Vázquez, de Aqualia Gestión Integral del Agua, como vicepresidente; Leticia Rodríguez de Viaqua, como secretaria; Ramón Blanco, de Valtalia, como tesoureiro; e Noé Pestonit, de Vertex Bionergy; Rosa Gutiérrez, de Coregal; e Juan Lema, de USC-Cretus, como vogais.
Se ben o mandato do anterior presidente, Nicolás Esmorís, finalizaría a principios do ano 2025, a Xunta Directiva decidiu adiantar as eleccións debido a que proximamente se iniciarán dous grandes proxectos: por unha banda, a Business Factory ClimaTech, a primeira aceleradora de empresas do sector ambiental e economía circular de Galicia; e, por outro, a execución do Plan Estratéxico 2025-2028. A Xunta Directiva saínte entendía que o máis conveniente para o Clúster sería que un mesmo equipo se encargase de liderar estes proxectos desde o inicio.
Josefa de León, que no anterior mandato ocupaba a vicepresidencia, indicou que o seu principal obxectivo é “consolidar a agrupación industrial como referente no sector ambiental en Galicia, fomentando a investigación e innovación, apoiando o emprendemento cofin de acelerar e afianzar iniciativas ambientais e de circularidade que teñan capacidade de escalar e xerar impacto, e, tamén, mediante a participación dos asociados no deseño da estratexia do colectivo para os próximos anos”.
A nova Xunta Directiva conta con representantes das catro provincias da comunidade autónoma e distintos sectores. Josefa de León destacou que o sector ambiental “está chamado a ser un axente crave da industria, da sostibilidade e do desenvolvemento de Galicia”.
Fonte e imaxe: Viratec