- O colectivo, liderado polo seu presidente, Víctor Nogueira, estivo acompañado en todo momento polo presidente desta Sociedade pública, Javier Domínguez, quen explicou, a través dun percorrido guiado, a actividade das distintas instalacións que conforman o Complexo Medioambiental de Cerceda.
- A nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa centrou a atención dos visitantes por ser unha infraestrutura modélica no ámbito da innovación, estando plenamente adaptada á industria 4.0.
- A entrada en operación desta instalación, xunto coa remodelación da antiga planta de reciclaxe, constitúen accións de calado que posibilitaron que a Sociedade incremente a súa capacidade de tratamento ata 1 millón de toneladas anuais, o que se traduce en máis reciclaxe e menos vertido.
- A AEGF está integrada polas 59 principais compañías galegas, que facturan 9.300 millóns de euros e dan emprego directo a 49.000 persoas.
Cerceda, a 12 de novembro de 2019.- O presidente da Asociación Galega da Empresa Familiar (AEGF), Víctor Nogueira García, acompañado por outros representantes desta entidade, visitou esta mañá o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) para coñecer de primeira man o labor da nova planta de recuperación de materiais, así como o resto das instalacións que conforman esta infraestrutura.
Os visitantes, acompañados en todo momento polo presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, así como polo director xeral, Isidro García, recibiron as oportunas explicacións sobre a función desta compañía pública, que xestiona actualmente os residuos producidos por 295 concellos (2.242.000 habitantes), utilizando para isto as mellores tecnoloxías dispoñibles.
O colectivo efectuou un percorrido guiado polas instalacións que procesan as dúas fraccións de residuos que se atopan baixo a competencia de Sogama: bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks) e bolsa negra (residuo xenérico).
Os envases contidos na primeira sepáranse automaticamente nunha planta de clasificación para ser remitidos aos centros recicladores e, os residuos correspondentes á segunda tamén son obxecto dunha selección previa a fin de recuperar os materiais reciclables, sometendo a valorización enerxética o resto.
A contribución de Sogama á reciclaxe incrementarase exponencialmente grazas á entrada en operación da nova planta. Concibida en liña coa industria 4.0, segrega ata 11 tipos de materiais, servíndose de tecnoloxías de última xeración.
Esta mellora, xunto coa remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, fixo posible que a entidade incremente a súa capacidade de tratamento ata chegar a 1 millón de toneladas anuais, maximizando a valorización material de residuos e minimizando o vertido, que baixará ao 10% no ano 2020, o que se coñece como vertido técnico cero.
Javier Domínguez manifestou a súa satisfacción por que Asociacións exemplares como as que integran a empresas familiares mostren interese pola protección ambiental a través da correcta xestión dos residuos e que leven a cabo unha tarefa de formación e concienciación para que todos os sectores, con independencia da súa actividade, contribúan ao verdadeiro desenvolvemento sostible, apostando polo crecemento económico, pero sen esquecer a protección ambiental e a cohesión social.
SOBRE A ASOCIACIÓN GALEGA DA EMPRESA FAMILIAR
Creada en xaneiro do ano 2000, é a principal asociación de empresas con raíces, sede social e vocación de permanencia en Galicia, tendo como cometido fortalecer e dar continuidade ás empresas de orixe familiar galego, así como poñer de relevo a función do empresario familiar na sociedade moderna.
A Asociación está integrada polas 59 principais compañías galegas que facturan 9.300 millóns de euros e dan emprego directo a 49.000 persoas.
Neste sentido, cabe sinalar que o 92,4% das empresas asentadas en Galicia son empresas familiares. Aportan o 85% do VAB empresarial de Galicia (22.300 millóns de euros de empresas familiares) e o 83,3% do emprego privado en Galicia (370.910 empregados en empresas familiares), segundo o último informe da Asociación Galega da Empresa Familiar (datos de 2017).
Saúdos, Departamento de Comunicación