
- A falta de espazo neste país insular, así como o negativo impacto ambiental do uso masivo do vertedoiro, levoulles a estudar outras opcións de tratamento máis eficientes
- Neste marco, e acompañados por portavoces da Fundación Benéfico Docente Gómez Pardo, entidade que vén colaborando con Trinidad e Tobago no eido das enerxías renovables e a eficiencia enerxética, visitaron o Complexo Medioambiental de Cerceda para coñecer in situ a súa actividade
Cerceda, ao 27 de marzo de 2025.- Representantes da Axencia Ambiental da República de Trinidad e Tobago, país insular situado no mar Caribe, visitaron esta mañá o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, e fixéronno acompañados por portavoces da Fundación Benéfico Docente Gómez Pardo, unha entidade con 142 anos de historia que colabora estreitamente coa Escola de Enxeñaría de Minas de Madrid, especialmente na formación e desenvolvemento profesional do seu alumnado, así como na investigación técnica e actividades culturais. Tamén leva a cabo labores de asesoramento e cooperación internacional en áreas tales como as enerxías renovables, a eficiencia enerxética, os materiais e a reciclaxe, entre outras.
Se ben a crise climática é unha evidencia en todo o mundo, nos países insulares en desenvolvemento, os seus efectos son máis pronunciados en forma de tormentas intensas, furacáns cada vez máis agresivos, aumento do nivel do mar, acidificación dos océanos e perda de biodiversidade.
Ante este escenario, as autoridades do país propuxéronse implementar políticas e medidas que reduzan as emisións de gases de efecto invernadoiro, promovan a adaptación aos impactos inevitables do cambio climático e fomenten o desenvolvemento sostible.
As limitacións de espazo nas dúas principais illas, Trinidad e Tobago, e o negativo impacto ambiental que trae consigo o uso masivo do vertedoiro, especialmente nun país cunha gran riqueza natural e atractivo turístico, levou aos seus dirixentes a estudar alternativas de xestión máis eficientes, como é o caso de Sogama, considerándoo todo un referente en España e a Unión Europea.
Transformar os residuos en recursos
O grupo foi recibido polo presidente desta empresa pública, Javier Domínguez, quen lles explicou os pormenores técnicos e loxísticos do modelo de xestión de residuos maioritario en Galicia, a súa infraestrutura, os proxectos de I+D+i nos que a compañía traballa actualmente e as accións de futuro que abordará, como é o caso da posta en marcha dunha planta de clasificación de residuos téxtiles, a transformación dixital e a descarbonización dos procesos.
O colectivo tivo a oportunidade de facer un percorrido guiado polas distintas instalacións que conforman o complexo cercedense, onde puideron coñecer a operativa e o resultado final da mesma: reciclaxe de todo o que se poida reciclar, e transformación en enerxía eléctrica da parte non reciclable, minimizando desta forma a vertedura.
Saúdos, Departamento de Comunicación