-
Mantiveron unha xuntanza co presidente da entidade pública, Javier Domínguez Lino, quen lles explicou a operativa de Sogama e o seu plan estratéxico, emprazándose as partes a manter novos encontros co fin de explorar posibles vías de colaboración
-
Líder no sector da subministración integral de vestiario especializado de alto rendemento, PARTENON fixo unha firme aposta pola economía circular, incorporando á súa operativa as enerxías renovables, a reciclaxe e un packaging sostible, entre outras accións
Cerceda, a 24 de abril de 2024.- Representantes da empresa téxtil PARTENON (Sagres, S.L), con sede en Redondela (Pontevedra) e líder no sector da subministración integral de vestiario especializado de alto rendemento, visitaron o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) para coñecer de primeira man os seus procesos industriais, así como os seus proxectos de futuro, marcados pola innovación, a dixitalización e a descarbonización.
A comitiva, encabezada polo presidente da compañía, Alejandro Luis Marques de Magallanes Regojo, mantivo unha xuntanza co presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, na que este explicou os pormenores do servizo público que a Sociedade pública presta a 295 concellos galegos a través da xestión sostible dos residuos municipios, primando a reciclaxe daqueles refugallos susceptibles de seguir esta vía de tratamento e valorizando enerxeticamente o resto, é dicir, producindo electricidade (50% renovable) a partir dos non reciclables. De feito, Sogama xera a enerxía equivalente ao consumo do 12% dos fogares galegos.
As partes emprazáronse a manter novos encontros co fin de explorar posibles vías de colaboración no ámbito ambiental.
Os integrantes da firma redondelana tiveron a oportunidade de realizar unha visita virtual polas instalacións que conforman a infraestrutura industrial de Cerceda, complementándoa cun percorrido a pé, guiados por membros do equipo técnico da Sociedade Galega do Medio Ambiente.
Firme aposta pola economía circular
Neste sentido, cabe sinalar que PARTENON fixo unha firme aposta pola protección da contorna e a loita contra o cambio climático ao incorporar á súa operativa as enerxías renovables, a reciclaxe de residuos téxtiles e prendas fóra de uso para darlles unha nova vida, a redución do consumo de papel -logrando unha diminución deste material en máis dun 70% durante os últimos anos- e un packaging sostible no que prima a utilización de materiais reciclados e reciclables, como é o caso do cartón procedente de bosques certificados, prevendo a eliminación do plástico.
E todo isto aderezado cunha perspectiva de inserción social, axudando aos colectivos máis desfavorecidos a acceder ao mundo laboral.
O labor de PARTENON abarca desde o deseño, desenvolvemento e produción de pezas exclusivas, o tallaxe persoa a persoa, a entrega personalizada e un servizo postventa que inclúe o mantemento e a reposición de equipamentos integrais, e sempre cun compromiso de mellora continua a través de iniciativas de I+D+i orientadas a alcanzar unha maior eficiencia e unha maior sostibilidade, conforme aos principios da economía circular.
Saúdos, Departamento de Comunicación