- É o caso de Financiera Maderera, Finsa, Leite Celta, Mercadona e Confederación de Empresarios da Coruña, cuxos portavoces tiveron a oportunidade de realizar un percorrido guiado polas plantas de clasificación de envases lixeiros e de recuperación dos materiais contidos no lixo en masa
- O presidente de Sogama mantivo un encontro con todos eles a fin de intercambiar impresións e experiencias ao redor da xestión sostible dos residuos municipais
Cerceda, a 28 de setembro de 2023.- Representantes de distintas entidades adheridas a Ecoembes, é o caso de Financiera Maderera, Finsa, Leite Celta, Mercadona e Confederación de Empresarios da Coruña, visitaron esta mañá o Complexo industrial de Sogama en Cerceda (A Coruña) para coñecer a súa operativa e, en particular, o funcionamento das plantas de clasificación de envases lixeiros e de recuperación dos materiais contidos no lixo en masa.
No primeiro caso, puideron ver os mecanismos de selección dos envases depositados pola cidadanía no contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks), utilizando para isto lectores ópticos, electroimáns, correntes de Foucault e ciclóns aspiradores. Unha vez separados, son enviados aos centros recicladores, onde se transforman en novas materias primas para regresar ao circuíto comercial cunha nova vida.
Tamén tiveron a oportunidade de comprobar o funcionamento da planta de recuperación de materiais, onde, a través de sistemas similares á anterior, segréganse aqueles susceptibles de ser reciclados (ata 11 tipoloxías), e que foron incorrectamente depositados en orixe no contedor da fracción resto, para ser remitidos á industria transformadora.
Un técnico de Ecoembes, Germán Casado, foi o encargado de explicar o traballo que esta organización leva a cabo, non só no ámbito da reciclaxe de envases, senón tamén no da prevención, promovendo plans empresariais cos que reducir o peso e volume dos envases e dar preferencia a aqueles fabricados con materiais sostibles e respectuosos co medio ambiente.
Pola súa banda, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, tivo un encontro cos integrantes do grupo a fin de intercambiar impresións e experiencias ao redor da xestión sostible dos residuos municipais, facendo especial fincapé no traballo conxunto que debe levarse a cabo por parte de todos os actores da cadea a fin de dar debido cumprimento ao principio que debe sustentar todo sistema de xestión, o dos tres erres: redución, reutilización e reciclaxe.
Aínda que os visitantes realizaron un percorrido guiado a pé polo Complexo, tamén tiveron a oportunidade de viaxar virtualmente polas plantas a través de lentes inmersivas 360, unha experiencia que cualificaron como moi positiva e pedagóxica.
Saúdos, Departamento de Comunicación