- O director da Escola de Adultos, Pedro Cantero, acompañado por membros do seu equipo, reuniuse con portavoces desta Sociedade a fin de facer balance das múltiples actividades desenvolvidas durante os pasados cursos académicos e esbozar posibles áreas de traballo común para o período lectivo que acaba de arrincar.
Cerceda, a 29 de outubro de 2020.- Se ben o impacto da pandemia do COVID-19 truncou en boa medida algún dos proxectos educativos que Sogama viña levando a cabo con outras organizacións, o Centro Penitenciario de Monterroso (Lugo) e esta empresa pública móstranse interesados en retomar a colaboración iniciada fai anos e acometer así novas accións de formación e sensibilización dirixidas aos internos.
O director da Escola de Adultos, Pedro Cantero, acompañado por membros do seu equipo, reuniuse na sede de Sogama, en Cerceda (A Coruña), con representantes desta Sociedade para facer un balance das múltiples actividades realizadas durante os pasados cursos académicos e esbozar posibles áreas de traballo común para o período lectivo que acaba de arrincar.
BALANCE
Cantero mostrouse satisfeito cos bos resultados dos distintos programas medioambientais desenvolvidos no centro, podendo destacar a autocompostaxe, a construción dun invernadoiro con botellas plásticas, a habilitación dunha horta ecolóxica na que os alumnos cultivan distintos produtos, as sesións de formación impartidas por técnicos de Sogama para profundar nos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), incluíndo a valorización da materia orgánica, a diminución do desperdicio alimentario e a fabricación de bolsas de tea reutilizables a partir de pantalóns vaqueiros e batas fóra de uso.
A todo isto habería que engadir dúas publicacións: unha sobre a actividade da horta ecolóxica, enxalzando as virtudes do natural, próximo e de tempada, e outra sobre receitas de cociña a partir de sobras de comida, na que, ademais do cociñero do penal, tamén contou coa activa participación de Pedro Cantero.
Así as cousas, o obxectivo é retomar est labor e motivar aos internos para seguir traballando en temáticas vinculadas ao medio ambiente pois, tal e como expresou o director da Escola de Adultos en múltiples ocasións, estes programas non son un fin en si mesmos, senón un vehículo para inculcar distintos valores nos internos (solidariedade, compañeirismo, empatía, etc) e preparalos con maiores garantías para unha futura inserción social que requirirá de gran esforzo.
Saúdos, Departamento de Comunicación