- Con esta cita, que terá lugar entre o 21 e o 29 de novembro, preténdese chamar a atención sobre a cantidade de residuos que non vemos, pero que son xerados durante o proceso de fabricación dos produtos.
- Ínstase a que os artigos teñan unha vida máis longa e sexan máis fáciles de reparar e reciclar, un obxectivo ao que poden contribuír todos os actores: produtores, consumidores, tomadores de decisións.
- Un ano máis, Sogama participará nesta convocatoria e farao cunha campaña específica centrada na recollida selectiva, e posterior reciclaxe, da materia orgánica contida nos residuos.
Cerceda, a 22 de outubro de 2020.- Co lema “Residuos invisibles”, a nova edición da Semana Europea da Prevención 2020 (EWWR) pretende chamar a atención sobre a cantidade de refugallos que non vemos, pero que son xerados durante o proceso de fabricación dos produtos.
Unha gran parte destes residuos non se poden reciclar, acabando desperdiciados, polo que urxe contar con produtos que teñan unha vida máis longa, que sexan máis fáciles de reparar e de reciclar e, por suposto, que sexan completamente atóxicos no momento da súa recuperación. Porque resulta evidente que o incremento da vida útil dun artigo reduce a necesidade de nova produción, minimizando a cantidade de lixo xerado na cadea de fabricación.
Un dos exemplos pode ser o caso dun teléfono intelixente que pesa menos de 200 gramos e que vén nun paquete pequeno, pero en cuxa fabricación se produciron 86 kg de residuos.
Este ano, a EWWR, que terá lugar entre o 21 e o 29 de novembro, pretende informar e crear conciencia sobre a cantidade de residuos que xeramos sen darnos conta. De aí a necesidade de realizar compras máis responsables e conscientes a fin de minimizar a nosa pegada ecolóxica.
Todos (produtores, consumidores, tomadores de decisións), podemos adoptar medidas ao respecto. Para axudar nesta tarefa, a Semana Europea da Prevención pon a disposición dos interesados distintos materiais didácticos e divulgativos: carteis, infografías, xogos sobre ecoetiquetas, guías para talleres circulares, cuestionarios de redución de residuos, vídeos, etc.
SOBRE EWWR
Trátase da maior campaña para concienciar sobre a prevención de residuos en Europa, aglutinando a todo tipo de colectivos (cidadáns, escolas, empresas, ONG, asociacións), que se encargan de organizar actividades vinculadas ao principio das tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe).
O que fai especial esta semana son os esforzos investidos polos milleiros de voluntarios que difunden a mensaxe sobre consumo sostible e economía circular nas súas comunidades.
O Comité Directivo da EWWR 2020 está conformado por distintas entidades, entre as que figuran ACR+ (Asociación de Cidades e Rexións para a xestión sostible dos recursos); Comisión Europea; Comité Europeo das Rexións, ademais de asociacións, axencias e empresas xestoras de residuos de distintos países.
O prazo para formalizar as inscricións nesta semana tan especial abriu o pasado mes de setembro e pecharase o próximo 13 de novembro.
Un ano máis, Sogama participará na Semana Europea da Prevención cunha iniciativa que se centrará na recollida selectiva, e posterior reciclaxe, da fracción orgánica contida nos residuos.
Fonte e imaxe: EWWR