- O editor, director e surfista Pablo Uriarte sorprende cun novo proxecto, “A morte do mar”, unha exposición fotográfica en formato dixital que se fai eco da contaminación mariña por lixo
- Desde mediados de 2017 vén recollendo residuos nas praias e lévaos para a casa a fin de retratalos, en branco e negro, illados da realidade a fin de dotalos de maior dramatismo.
- Confesa que se atopou refugallos de todo tipo, incluso un ordenador.
- A exposición presentarase no Madrid Surfing Festival, pretendendo tamén difundir o seu traballo en Galicia.
Cerceda, a 14 de xuño de 2019.- Pablo Uriarte, editor, director e surfista madrileño vinculado a Bergantiños, sorprende cun novo proxecto denominado “A morte do mar” e que viu a luz recentemente co obxectivo de concienciar á poboación sobre a necesidade de xestionar correctamente os residuos e evitar o abandono dos mesmos en espazos naturais como son as praias.
Así o explicou no programa radiofónico Ecovoz. Trátase dunha exposición fotográfica conformada por instantáneas de obxectos que Pablo foi atopando nos areais desde mediados de 2017 e que levou para a súa casa a fin de retratalos de forma illada e desde distintos puntos de vista. Todas elas en branco e negro. Segundo o autor, para darlles máis dramatismo. “Afástase o obxecto da realidade e, nalgúns casos, ata custa recoñecelo”.
Con esta exposición, Pablo Uriarte quere denunciar a problemática que o lixo representa para os océanos, para os ecosistemas mariños, para os animais, que inxiren os plásticos ao confundilos con alimento, provocándolles a morte, para o turismo, para a pesca e para a propia saúde humana.
Entre 4.000 e 5.000 son as fotos que serven de testemuña: latas, envases plásticos, botellas de vidro e todo tipo de refugallos forman parte do desolador paisaxe dalgúns areais. Recoñece que atopou obxectos sorprendentes, como foi o caso dun ordenador, cando o seu sitio debería estar nun punto limpo. Condutas incomprensibles e claramente reprochables que deben ser corrixidas a través da educación e a sensibilización.
A exposición, en formato dixital, atópase a disposición na súa páxina web e en xuño presentarase no Madrid Surfing Festival. Difundirá tamén o seu traballo en Galicia, onde ten pensado organizar xornadas de limpeza de praias.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación