- A empresa pública subministrou ao ente local outros tantos composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
- Co obxectivo de que os usuarios dispoñan dos coñecementos necesarios para aplicar a técnica con garantías, recibirán un curso de formación a cargo de persoal de Sogama, así como manuais didácticos de apoio.
Cerceda, a 29 de xullo de 2020.- O concello de Rianxo (A Coruña) solicitou a adhesión ao programa de compostaxe doméstica de Sogama coa pretensión de promover a reciclaxe da materia orgánica en orixe.
A empresa pública xa subministrou ao ente local 50 composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, a fin de que sexan repartidos entre outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante.
Con esta iniciativa, o concello pretende recuperar unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost. Non obstante, a posibilidade de contar con recipientes específicos propiciará que o proceso de fermentación controlada destes refugallos se leve a cabo dunha forma máis hixiénica e cómoda.
Co obxectivo de que os usuarios dispoñan dos coñecementos necesarios para aplicar a técnica con garantías, recibirán un curso de formación a cargo de persoal de Sogama, así como manuais didácticos de apoio nos que se explican os pasos a dar: desde a propia ubicación do composteiro, que debe estar nunha zona sombreada, protexida do vento e en contacto coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben e non deben depositarse no mesmo, control de parámetros esenciais tales como a temperatura, o osíxeno e a humidade, e aplicacións do compost resultante, un abono de alta calidade con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.
Máis aló dos seus incuestionables beneficios ambientais, a compostaxe doméstica contribúe tamén a reducir a cantidade de residuos que acaban no contedor verde convencional e, polo tanto, o importe da factura que os concellos deben abonar a Sogama.
Neste sentido, cabe recordar que a materia orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, polo que, se se recupera na propia vivenda, afórrase en custos de transporte e xestión.
Os interesados dispoñen de información adicional no sitio web www.compostaconsogama.gal, onde poñerán atopar recursos divulgativos e lúdicos complementarios.
A día de hoxe, un total de 351 entidades atópanse adscritas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, tendo repartido entre as mesmas 14.000 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación