- Nunha primeira fase incorporaranse 25 vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (xardín ou horta) no que se aplicará o compost resultante.
- Os veciños que voluntariamente queiran participar nesta iniciativa, recibirán un manual didáctico de apoio no que se explica, de forma pormenorizada, a técnica a seguir.
- A día de hoxe, un total de 78 entidades lucenses están adscritas ao programa de autocompostaxe de Sogama, tendo repartido entre as mesmas, e de forma gratuita, máis de 3.100 composteiros.
Cerceda, a 11 de decembro de 2020.- O Concello de Ribas de Sil (Lugo) decidiu adherirse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama coa pretensión de recuperar unha práctica tradicional no medio rural, pero dunha forma máis cómoda e hixiénica.
Con tal fin, Sogama subministrou ao ente local, e de forma gratuita, 25 composteiros de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que serán distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares con horta ou xardín. O obxectivo é que a materia orgánica xerada nos fogares, e que vén a representar en torno ao 42% dunha bolsa de lixo tipo, se recupere en orixe e regrese á terra en forma de abono. Con isto péchase o ciclo de aproveitamento dos restos orgánicos e evítase o seu depósito no contedor verde convencional, reportando importantes beneficios, tanto ambientais como económicos e sociais.
Os veciños que voluntariamente queiran participar nesta iniciativa, recibirán un manual didáctico de apoio no que se explica, de forma pormenorizada, a técnica a seguir para obter un compost de alta calidade, dando resposta ás preguntas máis frecuentes e resolvendo os erros máis comúns.
Así mesmo, o Concello encargarase de facer un seguimento da iniciativa para comprobar a súa acollida, posibles limitacións e grao de satisfacción por parte dos usuarios.
Malia que a operativa non reviste dificultade, os participantes deben ter claro a tipoloxía de residuos a introducir no composteiro e controlar parámetros de gran importancia como son o osíxeno, a humidade e a temperatura, para que o resultado final sexa satisfactorio.
Os interesados teñen a oportunidade de complementar os seus coñecementos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal.
A día de hoxe, un total de 78 entidades lucenses están adscritas ao programa de autocompostaxe de Sogama: 42 concellos, 29 centros educativos e 7 colectivos sociais, tendo repartido entre as mesmas máis de 3.100 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación