- O Concello recibirá, de mans de Sogama, outra partida de 25 composteiros que, sumados aos entregados en fases anteriores, fan un total de 105.
- As vivendas deben ser unifamiliares e contar con terreo (xardín, horta ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante para pechar o círculo da recuperación da materia orgánica.
Cerceda, a 27 de abril de 2021.- O Concello de Rodeiro (Pontevedra) decidiu ampliar o seu programa de compostaxe doméstica e farao de novo co apoio de Sogama, quen entregará ao ente local, de forma gratuíta, unha nova partida de 25 composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
Con esta subministración, e sumados aos anteriores, o municipio pasará a ter 105 composteiros en operación noutras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de horta, xardín ou terras de cultivo, onde aplicarán o compost resultante, polo xeral de moi boa calidade, cumprindo todos os requisitos esixidos pola normativa vixente para ser aplicado ao solo con garantías e sen restricións.
Sogama tamén remitirá ao ente local manuais de autocompostaxe para que sexan repartidos entre os participantes. Trátase dun recurso didáctico a través do cal poderán coñecer con máis detalle o protocolo a seguir, fases do proceso de fermentación da materia orgánica, importancia do control de parámetros tales como osíxeno, temperatura e humidade, e solucións a adoptar ante posibles erros ou incidencias.
Pola súa banda, e co fin de que os usuarios poidan complementar coñecementos e despexar dúbidas, personal de Sogama impartirá un curso de formación para abundar na técnica, dar resposta a distintas preguntas e tomar nota das observacións e comentarios trasladados coa veciñanza e que, con certeza, redundarán nunha mellora deste servizo.
Adicionalmente, teñen á súa disposición un sitio web www.compostaconsogama.gal, no que atoparán toda a información sobre esta iniciativa e recursos divulgativos con distintos formatos: xogos, vídeos, etc.
A autocestión da materia orgánica trae consigo importantes vantaxes para os concellos que a promoven, tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social.
Saúdos, Departamento de Comunicación