- O presidente da Xunta visita as instalacións da nova infraestrutura, que estará activa a partir de decembro
- Sinalou que vai atender a un número moi importante de concellos, cunha poboación total de 327.000 habitantes
- Destacou o investimento total de 15,8 M€ por parte da Xunta nesta planta de biorresiduos
- Terá capacidade para tratar máis de 20.000 toneladas ao ano de lixo do contedor marrón, podas ou restos de madeira
- Vai producir 6.000 toneladas anuais de compost de alta calidade para usar na agricultura e na xardinería
- Esta planta forma parte da rede de infraestruturas públicas para a valorización de materia orgánica que terá 17 instalacións activas e nas que a Xunta investiu 45 M€
- Goberno autonómico destina máis de 210 M€ no 2024 a medidas para loitar contra o cambio climático e mellorar a xestión dos residuos
Vilanova de Arousa (Pontevedra), a 4 de novembro de 2023.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá que a nova planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa comezará a funcionar a partir do vindeiro 1 de decembro e dará servizo a 26 concellos cunha poboación total de 327.000 habitantes. “Vai atender directamente a un número moi importante de concellos, e que ademais, se complementará cunha serie de plantas auxiliares”, sinalou.
Durante unha visita ás novas instalacións, Rueda resaltou que a Xunta investiu 15,8 millóns de euros nesta planta que está dotada da última tecnoloxía e que será, en parte, autosuficiente enerxeticamente a través de paneis solares fotovoltaicos. Ademais, destacou que “é a planta de compostaxe máis importante que vai haber na provincia de Pontevedra”. Esta infraestrutura está capacitada para tratar cada ano 15.000 toneladas da materia orgánica que os concellos recollan e outras 7.000 toneladas de material estruturante coma podas ou restos de madeira.
Ademais, a planta integrará todas as fases do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos -desde o pretratamento e fermentación ata a maduración e almacenamento-, o que permitirá que cada ano produza unhas 6.000 toneladas de compost de alta calidade que será usado na agricultura e xardinería en substitución de fertilizantes artificiais.
A Unión Europea obriga a que os concellos recollan de forma diferenciada a materia orgánica a partir do vindeiro 31 de decembro. Será a través de contedores marróns, sistemas de compostaxe doméstico ou comunitario, entre outros.
A planta de Vilanova forma parte da rede pública de infraestruturas para a valorización da materia orgánica que conta con 17 instalacións que estarán activas a finais de ano e nas que a Xunta leva investidos 45 millóns de euros para a súa reforma ou construción co obxectivo de adaptalas á nova lexislación europea en materia de residuos.
Rueda resaltou o firme compromiso da Xunta con deixar unha Galicia máis verde e sostible ás vindeiras xeracións: “se facemos unha reciclaxe dos residuos de calidade, estaremos facéndonos un gran favor a nós, e sobre todo, aos que veñen detrás”, afirmou. Proba diso é que o Goberno autonómico destina 212,2 millóns de euros a medidas para loitar contra o cambio climático ou o tratamento de residuos nos orzamentos do vindeiro ano que acaban de ser aprobados. Ademais, a Xunta manterá as achegas para apoiar aos concellos, entidades sen ánimo de lucro ou empresas na xestión eficiente dos recursos.
Fonte e imaxe: Vicepresidencia Segunda da Xunta de Galicia e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda