- O presidente do Goberno galego visita a planta de transferencia de residuos da Lama
- Anuncia que a Xunta se reunirá a semana que vén coa Fegamp para explicarlle como se realizará esa transferencia de fondos
- Pon en valor a rede de infraestruturas de valorización da materia orgánica posta en marcha pola Xunta que inclúe 4 plantas de biorresiduos e 13 plantas de transferencia de apoio, entre as que se inclúe a da Lama
A Lama (Pontevedra), 13 de setembro de 2024.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou hoxe o compromiso do Goberno galego de asumir o vindeiro ano o 60% da actualización do canon que cobra Sogama aos 295 concellos adheridos ao seu modelo, co obxectivo de paliar o impacto nas súas contas provocado polos novos impostos e as bonificacións eliminadas polo Goberno central.
“A Xunta de Galicia estará unha vez máis cos concellos”, sinalou o presidente do Executivo autonómico, quen lembrou que a adhesión a Sogama é voluntaria e que o sistema “segue sendo dos máis baratos de España e dos que mellor funcionan”, sendo con diferenza o máis barato de Galicia.
Dos 42 €/Tm que se prevé que aumente o canon, a Administración autonómica asumirá 24 €/Tm, transferindo eses fondos aos concellos. Neste sentido, Rueda anunciou que a Xunta se reunirá a semana que vén coa Fegamp para explicar a operativa.
Así o indicou, acompañado pola titular de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita á planta de transferencia de residuos da Lama, que leva nove meses operativa e presta servizo aos concellos da Lama, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas. A Xunta investiu máis de 1,8 millóns de euros nesta instalación que ten capacidade para tratar máis de 8.600 toneladas de residuos ao ano.
Rueda fixo fincapé no traballo conxunto entre a Xunta e os concellos para acadar unha xestión responsable dos residuos e avogou por consolidar no futuro esa colaboración. “Seguimos traballando para que esa Galicia bonita tamén no medio ambiente sexa cada vez unha realidade máis forte”, apuntou.
Na súa intervención, o máximo responsable do Goberno galego puxo en valor a rede de infraestruturas de valorización da materia orgánica posta en marcha polo Executivo autonómico. Esta inclúe 17 instalacións en total: 4 plantas de biorresiduos (Cervo, Cerceda, Verín e Vilanova de Arousa) e 13 plantas de transferencia de apoio, entre as que se inclúe a da Lama.
Fonte e imaxes: Xunta de Galicia