- Este recoñecemento, en forma de accésit, tivo lugar no marco da 5ª edición dos Premios ODS 14 por conservar e utilizar de forma sostible os océanos, os mares e os recursos mariños para o desenvolvemento sostible
- Desenvolvido entre xaneiro de 2019 e xuño de 2021, o obxectivo desta iniciativa, na que participou ARVI, foi tamén previr a perda de redes de pesca e avaliar a posibilidade de reciclar aparellos inservibles e outros residuos plásticos recuperados do mar e aproveitalos na produción de fibras téxtiles de alta calidade
Cerceda, a 27 de decembro de 2021.- No marco da 5ª edición dos Premios ODS 14, o proxecto ''Oceanets'', no que participou a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) acaba de recibir o recoñecemento de Salvamento Marítimo, en forma de accésit, por conservar e utilizar de forma sostible os océanos, os mares e os recursos mariños para o desenvolvemento sostible.
É o terceiro galardón que se entrega a esta iniciativa, que xa recibiu en decembro de 2020 o Premio Quality Innovation Award 2020 na categoría de economía circular e pegada de carbono cero, na súa fase nacional, e, en 2021, o premio Empresa e Sustentabilidade na categoría de Medio Ambiente.
'' Oceanets'', proxecto desenvolvido entre xaneiro de 2019 e xuño de 2021, tivo como obxectivo previr a perda de redes de pesca e avaliar a posibilidade de reciclar aparellos inservibles e outros residuos plásticos recuperados do mar e aproveitalos na produción de fibras téxtiles de alta calidade.
Tal e como indica ARVI, a iniciativa conseguiu reducir o impacto ambiental destes residuos na contorna mariña e xerar un potencial beneficio económico. O seu director xerente, Edelmiro Ulloa, asegurou que “o recoñecemento institucional do traballo realizado motívanos aínda máis a continuar o noso labor de innovación para seguir cumprindo co noso compromiso coa sustentabilidade pesqueira”.
SOCIOS E FINANCIAMENTO
O consorcio que executou o proxecto, financiado pola Axencia Executiva para as Pemes (EASME, polas súas siglas en inglés) e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), estaba liderado polo Instituto Tecnolóxico do Plástico (Aimplas) e contou coa participación da Asociación Vertidos Cero (AVC), ARVI, a empresa de moda sostible Ecoalf, os grupos de márketing e de economía aplicada da Universidade de Vigo e a empresa checa de fabricación de téxtiles Sintex.
Fonte e imaxe: Industrias Pesqueras