- Terá lugar os días 23, 24 e 25 de setembro, e enmárcase no programa RR_dTerritorio, que ten por obxecto a formación de emprendedores e incubación dos seus proxectos para promover o emprendemento social innovador nos territorios de Galicia, en concreto en sete comarcas: Deza-Tabeirós, Melide, Chantada, O Carballiño, A Ulloa, Arzúa e Santiago.
Cerceda, a 22 de setembro de 2020.- A partir de mañá, día 23, e ata o venres 25 de setembro, a sede da Axencia Galega de Innovación (Gain), en Santiago de Compostela, acollerá o taller "Emprender en Economía Circular", unha acción enmarcada no programa RR_dTerritorio, que ten por obxecto promover o emprendemento social innovador nos territorios de Galicia, en concreto en sete comarcas: Deza-Tabeirós, Melide, Chantada, O Carballiño, A Ulloa, Arzúa e Santiago.
A iniciativa está impulsada pola Fundación Roberto Rivas, unha entidade privada, independente e sen ánimo de lucro que promove o desenvolvemento sostible das comunidades, inclusivo coas persoas e respectuoso coa contorna, contando co apoio da emprendedora León Startup.
TEMÁTICAS A ABORDAR
O taller "Emprender en Economía Circular" eríxese no primeiro paso do programa RR_dTerritorio a fin de establecer os contactos iniciais cos emprendedores interesados. A inscrición é gratuita, con prazas limitadas, e pode realizarse a través do mail programa@rrdterritorio.com.
Os participantes aprenderán a crear un proxecto de emprendemento social innovador a través das estratexias de circularidade e o Design Thinking.
Ademais, ensaiarán con retos reais que afectan aos territorios de Galicia, potenciando a creatividade, o traballo en equipo e implementando tecnoloxías 4.0 para a súa resolución.
Preténdese así detectar o talento local e impulsar proxectos de emprendemento capaces de dar resposta ás necesidades de desenvolvemento dos territorios do interior de Galicia. Desta forma, o programa contempla unha convocatoria para emprendedores e a posterior incubación dos seus proxectos, coa finalidade de que puedan converterse en realidade.
O prazo de presentación de candidaturas será do 1 de outubro ao 1 de decembro e pode materializarse a través dun formulario habilitado na web do programa.
INCUBACIÓN
Os emprendedores seleccionados participarán nun programa de incubación 100% experiencial. A formación teórica combinarase con dinámicas prácticas, talleres e actividades de contacto co territorio a través da colaboración que se establecerá coas empresas, axentes sociais e asociacións das comarcas.
O programa de incubación presencial terá unha duración de tres meses, de xaneiro a abril de 2021, e desenvolverase nas instalacións do viveiro de empresas de Silleda. Durante este tempo acompañarase aos emprendedores no proceso de xestación das súas ideas e proxectos; facilitarase o acceso á formación e tecnoloxía; transferirase experiencia e coñecemento; e facilitarase acceso o financiamento público e privado.
O equipo do programa está formado por mentores senior que impartirán os contidos principais do itinerario formativo, no que tamén participarán expertos sectoriais e profesionais de distintas áreas do coñecemento a través de encontros e charlas.
Fonte e imaxe: GAIN