- A Escola de Adultos do centro penitenciario de Monterroso sorprende cun novo proxecto; nesta ocasión de recuperación de téxtil para a fabricación de bolsas, idea da que é autora unha das mestras, Lucía Rodil.
- En concreto, elaborarán dúas tipoloxías de bolsas: unha a partir de tea vaqueira, máis sport e transgresora; e outra con tea de camisas e batas, máis tradicional e conservadora.
- O traballo de recollida, clasificación e procesado de roupa xa está organizado e o taller de cosido a piques de entrar en escena.
- Con esta iniciativa, non só se pretende poñer en valor a roupa fóra de uso, senón loitar contra o inxente consumo de bolsas plásticas.
- Este proxecto, bautizado co lema “Unha segunda oportunidade”, vén a complementar a ampla experiencia que o penal ten en iniciativas medioambientais.
- Neste sentido, cabe recordar, entre moitos outros, os seus programas de compostaxe e vermicompostaxe, de redución do desperdicio alimentario “Don´t Waste Food” e a posta en marcha dunha horta ecolóxica, fabricada con materiais reciclados, que hoxe alberga o cultivo de múltiples produtos; proxectos nos que o penal contou co apoio de Sogama.
Cerceda, a 19 de febreiro de 2019.- Tralos éxitos colleitados polos múltiples programas de educación ambiental postos en marcha pola Escola de Adultos do Centro Penitenciario de Monterroso (Lugo) durante os últimos anos, o seu director, Pedro Cantero, decidiu meterse de cheo nunha nova aventura a raíz da novidosa idea aportada por unha das mestras, Lucía Rodil. Leva por título “Unha segunda oportunidade” e con ela quere simbolizar a importancia de contar cunha segunda oportunidade no camiño da vida para redescubrirse, para adaptarse, para reencontrarse e, por suposto, para reinsertarse.
Nesta ocasión, e tras traballar duramente, co apoio de Sogama, na reciclaxe da materia orgánica a través da compostaxe e vermicompostaxe, tras reducir a cantidade de comida que acaba no cubo do lixo co seu proxecto “Don´t Waste Food” e tras crear unha horta ecolóxica con material reciclado na que os internos cultivan multitude de produtos (verduras, hortalizas, froitas e ata aromáticas), agora tócalle a quenda ao téxtil e a loita contra os plásticos dun só uso.
O espírito desta novidosa iniciativa é axudar a diminuír o exacerbado consumo de bolsas plásticas, substituíndoas por outras reutilizables. Para isto a escola xa abordou a primeira fase de recollida de roupa que quedou inutilizada no penal para confeccionar bolsas de tea coa mesma. Pero, non conformes, formuláronse elaborar dous tipos de bolsa: unha procedente de roupa vaqueira, máis sport, moderna e transgresora; e outra de tea de camisas e batas, máis tradicional e inmaculada.
OPERATIVA
Internos do penal ofrecéronse como voluntarios para participar nesta experiencia. A súa misión será recoller a roupa fóra de uso nos módulos adscritos á actividade e levala á escola, onde se almacenará, clasificará e procesará no futuro taller de cosido, que arrancará en breve.
Cantero atópase entusiasmado coa proposta e considera que constitúe un paso máis no proxecto curricular do centro; un proxecto que atende e entende a diversidade, que comprende as particulares circunstancias de cada interno e que intenta extraer o mellor de cada un para poñelo en valor, axudando a construír a aptitude coa que abordar o futuro fóra do penal.
Él e o seu equipo de docentes traballan intensamente cada día con este fin. Un labor complexo, pero enormemente gratificante. Tal e como explicou en diversas ocasións, se o seu esforzo, sacrificio e vida profesional serven para, alomenos, reinsertar a unha soa persoa, paga a pena.
RECUPERACIÓN: DESEXABLE E POSIBLE
A ilusión centrada no proxecto “Unha segunda oportunidade” non pode ser maior. Aproveitar e crear constitúe un exercicio que contribuirá a evadir aos internos das rutinas e limitacións propias dun centro penitenciario. O aparentemente inservible, non só se transformará en algo útil e proveitoso, senón que ata se impregnará dunha importante mensaxe ambiental.
Reciclaxe e Reinserción van da man nun centro pioneiro en política social e medioambiental que foi capaz de visualizar os residuos como un ingrediente fundamental no proceso de reeducación dos internos, demostrando que a recuperación, non só é desexable, senón posible.
Saúdos, Departamento de Comunicación