- A edición 2019 terá lugar entre o 16 e o 24 de novembro e, do mesmo xeito que nas anteriores, intentará chegar ao maior número de cidadáns para que se involucren ao máximo e realicen achegas.
- A temática deste ano xirará en torno á educación e comunicación ambiental e farao co lema “Cambie as súas formas, reduza os seus residuos!”
- Abandonar o caduco modelo de economía lineal e transitar cara a un circular, xa non é unha opción, senón unha obriga, representando a prevención e redución dos refugallos un dos primeiros pasos a dar.
- Do mesmo xeito que en anos anteriores, Sogama aportará o seu gran de area cunha campaña que verá a luz en breve.
Cerceda, a 9 de outubro de 2019.- Un ano máis, a Semana Europea da Prevención de Residuos (EWWR) recórdanos a necesidade de centrarnos co consumo responsable e a redución da xeración de residuos como cimento da xestión sostible dos mesmos nun marco de economía circular.
A máxima de “O mellor residuo é o que non se produce”, cobra aquí todo o seu sentido. De aí a importancia de promover iniciativas na materia e intercambiar experiencias e coñecementos para que a prevención constitúa realmente un dos primeiros pasos a dar.
A edición 2019 da EWWR terá lugar entre o 16 e o 24 de novembro e, do mesmo xeito que nas anteriores, intentará chegar ao maior número de cidadáns para que se involucren ao máximo e realicen achegas.
O abandono do caduco modelo de economía lineal, definido polas malas prácticas de usar e tirar, constitúe a día de hoxe unha prioridade, especialmente nun momento no que os expertos xa falan de urxencia climática. Transitar cara a un modelo circular non é unha opción, senón unha obriga. Así, manter os produtos o maior tempo posible na economía, reducir a produción de lixo e recuperar os materiais contidos no mesmo para transformalos en novos recursos constitúen a esencia dun sistema que aposta por pechar o círculo para evitar o masivo consumo de materias primas virxes.
A temática da Semana Europea da Prevención 2019 xirará en torno á educación e comunicación ambiental e farao co lema “Cambie as súas formas, reduza os seus residuos!”
Xunto cos responsables políticos, os produtores e outras partes interesadas, os consumidores desempeñan un papel clave na resolución dos desafíos relacionados coa correcta xestión dos refugallos e a sostibilidade no seu conxunto.
Ter acceso á información baseada en evidencias científicas e adaptar os hábitos diarios a outra forma de consumir e vivir, resulta esencial para diminuír o desperdicio na sociedade actual.
A modificación das pautas de conduta constitúe unha prioridade, de aí que EWWR 2019 rete á poboación a cambiar o seu comportamento e tamén a ensinar a outros como facelo a través de actividades inspiradoras de comunicación e sensibilización.
Do mesmo xeito que en anos anteriores, Sogama tamén aportará o seu gran de area a este obxectivo cunha campaña que verá a luz en breve.
Saúdos, Departamento de Comunicación