- Sogama e a Consellería de Medio Ambiente habilitarán un punto informativo nestes tres concellos para abundar na recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón.
- Mañá, día 23, estará en Laracha, o mércores 24 en Cerceda e o xoves 25 en Carballo.
- A pretensión é complementar os coñecementos dos veciños participantes e captar a atención daqueles que aínda non se sumaron a este tipo de recollida.
- Aproveitarase a ocasión para repartir material divulgativo e merchandising corporativo de Sogama, á vez que se entregarán bolsas de compost elaborado na planta de biorresiduos de Cerceda para que os usuarios teñan a oportunidade de visualizar o resultado do seu esforzo.
Cerceda, a 22 de novembro de 2021.- Co lema “O Marrón, o contedor que devolve vida”, Sogama e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegan a Semana Europea da Prevención de Residuos 2021 aos municipios de Laracha, Cerceda e Carballo.
Nesta ocasión, a campaña centrarase no contedor marrón, concibido para recoller de forma diferenciada a materia orgánica, sendo a súa pretensión animar a que máis veciños separen en orixe esta fracción de lixo e, aos que xa o están a facer, darlles a oportunidade de complementar os seus coñecementos e resolver as súas dúbidas.
Con tal fin, habilitarase nas distintas localidades un punto informativo atendido por educadores especializados, que explicarán á cidadanía a operativa a seguir e lembrarán os pormenores da recollida selectiva en xeral, máis aló da orgánica. Así mesmo, repartirán folletos divulgativos, merchandising corporativo de Sogama e bolsas de compost para que os usuarios teñan a oportunidade de visualizar o resultado do seu esforzo no fogar, captando a atención de potenciais participantes.
PIONEIROS E EXEMPLO A SEGUIR
Carballo, Laracha e Cerceda son os tres municipios pioneiros na instauración da recollida diferenciada dos restos orgánicos a través do contedor marrón, que complementan co fomento da compostaxe doméstica nas áreas máis rurais e dispersas.
As caracterizacións realizadas na planta de biorresiduos de Sogama lanzan resultados moi positivos que corroboran a alta calidade da materia orgánica entregada por estes concellos na instalación, con tan só un 3% de impropios. Desta forma, adiántanse en máis de dous anos ao cumprimento da normativa, que obriga a todos os entes locais a instaurar este tipo de recollida antes do 31 de decembro de 2023.
PLAN DE ACCIÓN PARA TODA GALICIA
A fin de axudar aos entes locais a dar debido cumprimento á lexislación vixente, a Xunta deseñou unha rede de infraestruturas para que poidan acceder á valorización da materia orgánica. Ademais da planta de compostaxe que está a operar en Cerceda (A Coruña), esta rede estará conformada por tres plantas que se construirán nas outras tres provincias: Cervo (Lugo), Vilanova de Arousa (Pontevedra) e Verín (Ourense), apoiándose en 13 plantas de transferencia que serán transformadas ou adaptadas para que nas mesmas se poida transvasar a materia orgánica, dotándoas dunha tolva específica para esta fracción de residuos.
A campaña chegará mañá, martes, 23 de novembro, a Laracha, onde o punto informativo estará aberto de 10:00 a 14:00 horas e de 15:30 a 18:00 h. O mércores 24 estará en Cerceda, de 15:30 a 18:00 horas e, o xoves 25, tocaralle a quenda a Carballo, de 10:00 a 14:00 e de 15:30 a 18:00 horas.
Saúdos, Departamento de Comunicación