- Educadores de Sogama impartirán sesións formativas nas que tamén se incidirá na correcta separación dos residuos en orixe para propiciar o seu posterior reciclado
- Participan neste evento os Concellos de Sanxenxo, Poio, Vilanova de Arousa, O Grove e Cambados
- Nuns casos, as sesións orientaranse á veciñanza en xeral e, noutros, aos grandes produtores
- Os asistentes serán obsequiados con distinto merchandising corporativo
Cerceda, a 19 de novembro de 2023.- Un ano máis, Sogama participa activamente na Semana Europea da Prevención de Residuos, que nesta ocasión ten lugar entre os días 18 e 26 de novembro, e farao co obxectivo de promover o bo uso do contedor marrón nalgúns dos concellos pontevedreses que entregarán directamente a súa materia orgánica na planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa e tamén seguir incidindo na correcta separación de residuos en orixe para propiciar o seu posterior reciclado.
Así, e baixo o lema “O marrón, o contedor que devolve vida”, educadores de Sogama impartirán os próximos días sesións formativas nos Concellos de Vilanova de Arousa, Poio, O Grove e Cambados. A correspondente a Sanxenxo tivo lugar o pasado día 15, na Casa Forestal As Canteiras-Noalla, cunha magnífica acollida e moito interese por parte dos asistentes (preto de 70).
O obxectivo destas charlas é explicar á veciñanza en xeral, e nalgúns casos aos grandes produtores en particular, a razón de ser deste novo recipiente, que residuos deben, e non deben, depositarse no mesmo, o necesario uso de bolsas compostables para introducir neste recipiente a materia orgánica, e o tratamento que esta fracción recibirá na planta de Vilanova de Arousa para ser convertida en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo.
Así mesmo, as sesións serán aproveitadas para incidir na necesaria aplicación, por parte da cidadanía, do principio europeo dos tres erres (Redución, Reutilización e Reciclaxe), tamén para lembrar os materiais que deben introducirse en cada un dos contedores de recollida selectiva situados nas vías públicas e resolver as dúbidas que, ao respecto, poidan presentar os asistentes, os cales serán obsequiados con distinto merchandising corporativo, como é o caso de bolsas pregables e reutilizables para a compra, packs de bolsas reutilizables específicas para as cociñas, rolos de bolsas compostables ou cubos marróns para o depósito da materia orgánica.
No Concello de Poio impartiranse dúas charlas: a primeira, centrada na reciclaxe, terá lugar o día 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa de Ferreirós (Parroquia de San Salvador), e, a segunda, orientada a grandes produtores para a recollida diferenciada da materia orgánica, o día 23, ás 11:00 horas, no Centro Cultural Xaime Illa (Parroquia de Raxó).
En Vilanova de Arousa será o día 22, ás 17:00 horas, na Estación Marítima Mar de Santiago. No Grove, o día 24, ás 17:00 horas, na Sala das Cunchas (Planta baixa do Concello), focalizada tamén nos grandes produtores, así como en Cambados, que xirará en torno á reciclaxe, ás 19:00 horas, en Exposalnés.
A PLANTA DE VILANOVA DE AROUSA, MÁXIMA EFICIENCIA E RESPECTO AMBIENTAL
Cabe lembrar que a planta de Vilanova, á que se destinou un investimento de 15,83 M€, ten capacidade para tratar 15.000 toneladas anuais de materia orgánica e 7.000 toneladas de material estruturante (podas e restos de madeira), estimando unha produción anual de 6.000 toneladas de compost de alta calidade, que será utilizado no sector da agricultura e a xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.
A instalación integra as distintas fases do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos: desde o pretratamento e a fermentación, ata a maduración e o almacenamento, así como os correspondentes tratamentos de aire e de augas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías dispoñibles, tanto de procesado como de control de cheiros e ruído.
Cabe destacar a reutilización de auga de pluviais para rego e baldeos, e a reutilización dos lixiviados xerados en fases seguintes do proceso, o que evidencia a minimización do impacto ambiental da planta e a súa contribución á redución da pegada hídrica. Pola súa banda, a través dos biofiltros evítanse os cheiros nas inmediacións, mantendo o máximo compromiso coa contorna.
Ademais, unha parte da mesma é autosuficiente desde o punto de vista enerxético ao dispoñer de paneis solares fotovoltaicos, contribuíndo desta forma á descarbonización e á loita contra o cambio climático mediante o impulso das enerxías renovables.
Saúdos, Departamento de Comunicación