-
No Día Internacional da Reciclaxe, que se celebra hoxe, Sogama lembra a importancia de que o hábito de clasificar os refugallos en orixe se incorpore á vida diaria dos cidadáns
Cerceda, a 17 de maio de 2024.- No Día Internacional da Reciclaxe, que se celebra hoxe, Sogama salienta a importancia transcendental que ten separar os residuos no fogar e depositalos no contedor axeitado para que poidan ser reciclados e convertidos en novos produtos. Un xesto co que se contribúe a aforrar enerxía e materias primas virxes, e, por suposto, a protexer o medio ambiente e a saúde pública.
É por isto que esta Sociedade pública apela á colaboración e implicación dos cidadáns para que incorporen á súa vida diaria un hábito tan fácil e sinxelo, pero con grandes beneficios, lembrando que envases de plástico, latas e briks deben ir ao contedor amarelo; papel e cartón, ao azul; botellas, frascos e tarros de vidro, ao iglú verde; materia orgánica, ao contedor marrón; e fracción resto, ao xenérico.
Razóns de peso
- Unha botella de plástico pode tardar ata 5 séculos en degradarse no medio ambiente e, de estar enterrada, este período podería alongarse ata milleiros de anos.
- Se se reciclan 8 caixas de cereais, pódese crear un libro.
- Segundo Ecovidrio, a enerxía que se aforra a partir da reciclaxe de 10 botellas de vidro equivale a 6 cargas de lavadora dunha familia de 4 membros e evita o CO2 que emitiría un coche nun traxecto de 15 km.
- A materia orgánica recollida a través do contedor marrón transfórmase en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo, sendo de aplicación no eido da agricultura e da xardinería.
- A partir dos residuos non reciclables, Sogama produce enerxía suficiente para abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Saúdos, Departamento de Comunicación