- Segundo o PNUMA, cada ano xeramos a nivel mundial 50 millóns de toneladas de lixo electrónico, o que afecta directamente o medio ambiente e á escaseza de recursos esenciais.
- A reparación, a reutilización e a reciclaxe constitúen as principais vías para facer fronte a esta problemática, permitindo alcanzar importantes beneficios sociais, económicos e ambientais.
Cerceda, ao 26 de maio de 2021.- Segundo o Programa para o Medio Ambiente das Nacións Unidas (PNUMA), cada ano xeramos a nivel mundial 50 millóns de toneladas de lixo electrónico, o que afecta directamente o medio ambiente e á escaseza de recursos esenciais.
Entre os aparellos máis ‘contaminantes’ sitúanse as televisións de pantalla plana, os computadores, as lámpadas, os equipos de aire acondicionado, os conxeladores e os frigoríficos.
Unha solución para facer fronte a esta problemática é dar unha segunda vida aos equipos tecnolóxicos e os seus compoñentes a través da reparación, a reutilización e a reciclaxe.
Segundo un estudo publicado polo Comité Económico e Social Europeo sobre o impacto da economía circular no consumo, se alongásemos un ano o uso dos aparellos electrónicos poderíase chegar a reducir as emisións de CO2 da próxima década nun 29%, e ata nun 43% se o alongásemos dous anos.
Co obxectivo de reducir o impacto ambiental, a empresa de postventa de tecnoloxía ANOVO explica as vantaxes de alongar a vida útil dos dispositivos electrónicos:
- Diminución da pegada ambiental.
- Redución do lixo tecnolóxico, evitando refugar elementos tóxicos como o cadmio, níquel ou mercurio, que emiten gases á atmosfera e contaminan os ecosistemas.
- Aforro para o consumidor: existen empresas que ofrecen compensacións económicas ao usuario polo seu teléfono roto ou obsoleto.
- Crecemento económico: a reciclaxe en particular, e a economía circular en xeral, axudan a aumentar o PIB dos países.
- Creación de novos empregos.
- Desenvolvemento sostible da sociedade a través do uso eficiente dos recursos naturais, mudando o actual modelo de produción e consumo.
- Mellora das condicións laborais nos países provedores de materias primas.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay