- Trátase de programas e recursos específicos para que pequenos, adolescentes e mozos poidan coñecer a importancia ambiental e sanitaria da reciclaxe dos medicamentos e o seu impacto no coidado da contorna e o benestar da sociedade.
Cerceda, a 15 de outubro de 2021.- No marco do Día Mundial dos Docentes 2021, celebrado o pasado 5 de outubro, SIGRE quixo recoñecer o traballo que estes realizan para que o alumnado poida beneficiarse dunha educación de calidade e en plena sintonía cos principios do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) 4 da Axenda 2030, que defende a necesidade dunha educación inclusiva desde as idades máis temperás.
Para iso, SIGRE pon ao dispor do profesorado un completo plan de formación que abarca as diferentes etapas da aprendizaxe (desde a Educación Infantil ata Bacharelato e Educación Superior), co fin de que pequenos, adolescentes e mozos poidan coñecer a importancia ambiental e sanitaria da reciclaxe dos medicamentos e o seu impacto no coidado da contorna e o benestar da sociedade.
RECURSOS SIGRE
Recursos educativos para Educación Infantil. Son materiais didácticos con actividades adaptadas aos máis pequenos para que vaian familiarizándose coas vantaxes do correcto tratamento ambiental dos residuos de medicamentos e os seus envases.
SIGRELANDIA. Trátase dun instrumento educativo, dispoñible en castelán e inglés, que pretende, a través do xogo, sensibilizar aos escolares dos últimos anos de Primaria sobre a necesidade de realizar un uso responsable do medicamento, tanto desde o punto de vista sanitario como ambiental.
A través de distintos escenarios dentro dunha cidade virtual, móstrase dunha maneira práctica e divertida o ciclo de vida dun medicamento, ademais dos hábitos ambientais e sanitarios imprescindibles para coidar a natureza.
Proxecto de Aprendizaxe e Servizo (APS). A iniciativa “Medicamentos: cuál, cuándo, cómo” está deseñada para concienciar aos estudantes da ESO e Bacharelato sobre o uso responsable do medicamento mediante unha proposta educativa que combina actividades de aprendizaxe e de servizo á comunidade.
Módulo Formativo de Educación Superior. Dirixido a universitarios e profesionais farmacéuticos, recolle os coñecementos básicos sobre a xestión ambiental nas farmacias, así como na industria farmacéutica, en relación co consumo de recursos, residuos, vertidos e emisións. Está conformado por tres unidades de xestión ambiental: industria farmacéutica, farmacia e envases, e residuos de medicamentos de orixe doméstica.
Fonte e imaxe: SIGRE