- No Punto SIGRE das farmacias só deben depositarse os medicamentos caducados e os envases baleiros ou con restos de medicamentos non utilizados, xunto ás súas caixas e prospectos
Cerceda, a 9 de xaneiro de 2024.- A chegada do frío, as aglomeracións e as reunións do Nadal están a provocar a subida dos casos de gripe e Covid-19 en toda España, e cada vez son máis as persoas que se achegan á súa farmacia para comprar os test de antíxenos. Unha vez utilizados, estes test de nunca deben refugarse no Punto SIGRE, xa que non son medicamentos de orixe doméstica, senón que deben introducirse no cubo do lixo normal ou fracción resto (bolsa negra), onde van os residuos que non poden ser reciclados.
No caso dos test de autodiagnóstico, estes adoitan vir cunha bolsa para introducir todos os elementos dos mesmos e depositalos de forma segura no lixo doméstico. Con todo, os envases nos que se comercializan estes test, si deben depositarse no contedor de recollida selectiva de envases correspondente: azul para as caixas de cartón e amarelo para as bolsas de plástico.
Así mesmo, é importante sinalar que existen outros moitos residuos sanitarios que non poden levarse ao Punto SIGRE, como son as máscaras, as agullas, os termómetros, o material de cura, as gasas, as vendas, os produtos de nutrición, as sondas, as radiografías, os glucómetros, as pilas, os produtos ou reactivos químicos e calquera proba de diagnóstico doméstico (embarazo, VIH, etc.).
Que levar ao Punto SIGRE da farmacia
Ao contedor branco das farmacias hai que levar os envases baleiros de medicamentos (caixas de cartón, blísteres de plástico ou aluminio, frascos de vidro, sobres, inhaladores, viais, tubos de pastillas, pomadas etc.), ademais dos restos de medicamentos caducados ou en mal estado de conservación e a medicación sobrante de tratamentos xa finalizados, sempre dentro do seu envase, coa súa caixa e prospecto respectivos. Neste caso, os envases baleiros de medicamentos non deben depositarse noutros contedores de reciclaxe debido a que estiveron en contacto con substancias farmacéuticas e necesitan un tratamento específico para protexer a nosa saúde e o medio ambiente.
Fonte e imaxe: SIGRE